Mostrando postagens com marcador Textos. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Textos. Mostrar todas as postagens
sábado, 25 de maio de 2013
Meis é poesía
Meis é poesía é o título dunha escolma de poesía escrita en diferentes alturas históricas, por persoas que teñen pouco a ver entre si e que as une o cariño que senten por Meis. No meu caso, "coeime" nesta antoloxía por acaso, e o meu agarimo non é previo á miña achega, senón simultáneo. Eis o meu traballo:
segunda-feira, 24 de setembro de 2012
XXIII
![]() |
| Máquinas. Olympus E-510, 14-42mm 4/3, 1/160, f/8, 24mm, ISO-100, 23-02-2012. B/N. |
Erguéronse fachendosos como columnas de fume
dunha cacharela de supersticións de tempos pasados co amencer do pobo e
secuestraron as nosas almas como señores do tempo. proclamaron os seus triunfos
como definitivos entre sons exultantes de tubas, pífanos, tambores e trompetas
e termaron da nosa imaxinación, dándonos ás, e fixeron que soñásemos con
agarimar o sol coas xemas dos dedos e mais con navegar as escuridades do
océano.
como íamos sospeitar, crédulos, que as nosas ilusión
eran unha simple esmola? Mellor aínda, un óbolo co que mercaron a nosa
inocencia pola cal quedaron coas nosas almas e as nosas vidas. E cobraron caro
ese soldo. Con corpos e con almas. Unhas veces fulminados nun intre fatídico,
como unha faísca consumida, as máis, fóronos consumindo de vagar, polo paso
inexorábel das horas.
Que son agora? Un revoltallo de ferros
oxidados á intemperie. Os entullos dun soño feito fracasar pola súa cobiza e pola
desesperación de moitos. Agora xa non nos din nada. Olládeos.
Etiquetas:
Guindastre.,
Ollada triste,
Textos
domingo, 26 de agosto de 2012
XXII
|
Definitivamente, non era o que andaban a buscar. Precisaba mercar roupa para ir decente ás entrevistas de traballo. Tiña tres pantalóns vaqueiros de tres anos e medio máis ou menos que lle sentaban moi mal e as mellores camisas tiñan os pescozos desgastados do uso. Porén, os traxes dos escaparates eran, no mellor dos casos, rechamantes de máis. Demasiadas cores pasteis mal combinadas e daríanlle a sensación dun vendedor de coches das series americanas ou dun hooligan dereitoso e acomodado. A cabeza bulíalle con pensamentos walterbishopianos e sentiuse raro unha vez máis. Finalmente decidiu coller o bus para volver á casa porque non lle apetecía andar máis. Non puido empregar os bonos e tivo que pagar o billete en metálico. Os asentos estaban todos ocupados. Observou os seus compañeiros. Había moito tempo que só empregaba o coche para moverse. Observou pola fiestra o escaparate unha vez máis e reafirmouse en que nunca sería comercial. Na seguinte parada baixaron varias persoas e puido sentar nun asento individual. Cando se aproximou o ancián ofreceulle o asento. O vello aduciu unha escusa, cortés e ferinte. Mañá levarei unha camisola de Manowar ou Blind Guardian. Así verán que o heavy non é violencia. Volveu pensar no escaparate. Como alguén con sentidiño podía ir por aí cunha camisa rosa e un pantalóns de cadros? |
domingo, 5 de agosto de 2012
XXI
Repasou mentalmente o seu equipo. Levaba de todo. Unha óptica sinxela, un tele e un gran angular, varias tarxetas de memoria e unha batería extra, un flash e unha boa provisión de pillas. Tamén levaba un pequeno pano de microfibra para limpar as lentes. Repasou tamén os consellos que lle deran. Deixouna en auto, porque non tería tempo de ir modificando os parámetros segundo cada momento. Tiña que lle tirar fotos ás faixas, para sacalas completas, reflectindo os slogans e a persoas que termaban delas, e mais facer primeiros planos para que se visen ben as caras. De houber algún incidente, habería de procurar, senón de todos, si ter instantáneas dos principais participantes. Ao final, había que prestarlle especial atención á tribuna e, moi importante, tomar nota dos nomes dos oradores no caderno que gardaba no chaleco. Debía fixarse nos organizadores, porque entre bambolinas sempre hai sucesos curiosos que sempre quedan ben. Finalmente, tiña que moverse canda os fotógrafos dos medios, debía parecer un deles.
![]() |
| Olympus E-510, 14-42 mm 4/3, f/3.5, 1/30, 14 mm, ISO-400, 2 de abril de 2012, Concentración contra os incendios nas Fragas do Eume na Porta do Sol, Vigo. B/N con rexións destacadas. |
domingo, 18 de março de 2012
ETANOL α
Esperto na noite fría agardando que a tea azulada se consuma.Non teño forza nos brazos para me erguer e dóenme tanto os dentes.
A cidade reflicte no seu contrapunto salgado
e as siluetas das montañas que a circundan tremen
agardando que as sombras entristecidas acouguen
e choren sen bágoas a súa compaixón inútil.
Non teño forzas para me erguer do chan, tan enxoito e poeirento.
E unha besta devórame lentamente as entrañas
e as sombras tristes choran esas bágoas contra a diafonía salgada.
E pecho os ollos con forza coma quen se suicida
coma un can que, preso, ouvea o seu blues triste
máis que unha canción de negros do delta.
Non é necesario ter sido escravo para doerse polos lategazos.
A chama azulada treme, confusa, máis unha vez.
Quizais vacile outra.
domingo, 25 de dezembro de 2011
Texto 3
![]() |
| Lilith de Paulina Otylie Surys |
Quizais chegue o día en que volvamos estar xuntos. Non o creo. Non será agora; téñome que ir lonxe, afastarme de vós e dos ambientes que frecuentabamos. Perdoade. Non é nada persoal nin vos podedes culpar pola miña decisión. Debo deixar esta cidade por non sei canto tempo. Durante este exilio voluntario sei que vos botarei en falla, ao igual que botarei en falla estas rúas de arquitectura dura, ríxida e tristurenta que nos acompañou até hoxe.
Coas chaves á man lembro que teño que encher o depósito. Aínda non sei onde vou. Só vos podo dicir que non me busquedes, nin vos tratedes de poñer en contacto comigo. Quizais de aquí a algún tempo sexa eu quen finalice o meu ostracismo autoinducido. Dubido. O futuro é como un val verde afogado por unha espesa brétema cincenza, da mesma cor cincenta que describe Paul Celan, lembrades?
Non pensedes que a miña fuxida se debe a L. É certo que, se nalgún tempos os consentín ou os propiciei, xa non aturaba os seus comportamentos psicóticos. Recoñézovos que en certa ocasión fun cómplice das súas obsesións e entrei no xogo das súas paranoias porque pensaba que facía puntos. Se cadra son algo responsábel do que lle aconteceu. Creo que non.
Adeus.
domingo, 4 de dezembro de 2011
Texto 2
![]() |
| La Roache Brothers Photography - Laurence Edney and Wolfgang Mustain |
A túa ollada pérdese na miña xusta implacabilidade, que se torna en némese adecuada. Coñezo a túa intención. Teño a certeza de que vas deixan un rastro de queixas e lamentos finxidos e calculados como o deportista de elite que procura o 100 exacto e monolítico. Percibo que baixo esa custe tersa agochas unha colección de cicatrices provocadas pola envexa máis ruín. Véxoas. O teu rostro reflicte una alma e a min éntranme ganas de vomitar os fígados, a bile e o páncreas ennegrecido. Non te aturo. Aínda lembro o primeiro día que te vin, escuálido e con expresión espiñenta e malintencionada.
Ostia!
Non te podo nin ver diante.
domingo, 30 de outubro de 2011
Gladiatrix
![]() |
| Marabillosa toma de Ioan Nicolae |
VIOLENTIA era o reclamo publicitario duns xogos no Coliseo e que foran organizados por un emperador ao comezar o seu mandato. Cando menos así e como o relata un filme relativamente recente, malia ter xa uns cantos anos. Con certeza, os xogos tiñan moito de dous elementos. Eran un dos poucos divertimentos dunha sociedade que, na súa maior parte, estaba volcada ao traballo e que perduraron máis alá do Imperio Romano, transmutados, no Imperio Bizantino.
A violencia real como espectáculo non só se limitaba a combates singulares entre gladiadores, senón que chegaban a abraiantes niveis de sofisticación. Os anfiteatros enchéronse de animais exóticos que loitaban entre si ou contra gladiadores, ou simplemente devoraban an persoas indefensas, fosen mulleres, nenos, prisioneiros de guerra, ou, dependendo das circunstancias sociais, cristiáns. O enxeño romano chegou a inundar o Anfiteatro Flavio e introducir galeras de guerra auténticas para simular batallas navais.
Sei que este punto non é motivos de controversia nos debates da materia de «Xestión de Imperios» que se imparte nas Ivies. Calquera comparación coa actualidade déixanos en peor lugar. Desde que as guerras son televisadas, podemos presenciar o mesmo ou maior nivel de violencia a través dos partes. Bombardeos de última tecnoloxía contra caciques locais, onde as vítimas pertencen á poboación civil indefensa. Reparto de racións diminuídas entre refuxiados esfameados. Combates entre faccións rivais con armas provintes do mesmo vendedor. Execucións sumarias de terroristas. Masas de manifestantes reprimidas con fogo de armas pesadas. Deste xeito a diferenza dun duelo no Amphitheatrum fronte a unha intervención humanitaria é de escala: a maior violencia, maior hipocrisía e maior espectáculo.
A segunda diferenza sitúase nunha dimensión cualitativa, xa que o Amphitheatrum posuía un carácter de marxe social que o afasta de calquera espectáculo moderno. Efectivamente, os gladiadores, como grupo de escravos, podían eludir o rol social que se lle tiña imposto. Podían obter a súa liberdade, mesmo chegar a amasar fortunas e gañar certa tranquilidade na súa vellez. A consciencia de clase chegou a cristalizar na maior revolta, ma mías famosa e que chegou a inspirar a movementos libertarios posteriores,
O aspecto máis sorprendente desta faceta de marxe é o fenómenos das gladiadoras. Con efecto, había mulleres que loitaban nos xogos, cando menos nos dous primeiros séculos da nosa era. Parece ser que foi un fenómento o suficientemente estendido como para provocar unha reacción conservadora, mediante a prohibición gobernativa de Tiberio e Septimio Severo a principios do século I e III, respectivamente da participación das mulleres das clases altas nestas actividades. Contra o que se podería e pensar, parece ser que era un espectáculo especialmente valorado polo público (vulgo) e que foi vendido como unha novidade ao longo de douscentos anos e por todas partes do Imperio. Unhas veces loitaban en carros ao estilo celta, outras en combates singular ao estrusco.
Quizais a evidencia máis evocadora sexa o alto relevo en mármore atopado en Halicarnaso, hoxe gardado no Museo Británico. Mostra dúas mulleres enfrontadas coas súas armas e escudos, co peito descuberto (ao igual que os gladiadores), mais sen os seus helmos, se cadra como signo de recoñecemento mutuo, xa que cando dúas contrincantes se despoxaban dunha parte da súa armadura recoñecían un empate, caso no que ambas eran perdoadas. Quedáronnos os seus nomes: Amazona e Aquilia.
Etiquetas:
Textos
domingo, 8 de maio de 2011
Texto 1
«–Ademais, quen non che di que iso sexa para ben? Quen vai facer a revolución social, senón os estafadores, os malpocados, os asasinos, os fraudulentos, toda a canalla que sofre abaixo sen esperanza ningunha? Ou cres que a revolución vancha facer os cagatintas e os tendeiros?»
ROBERTO ARLT 1
![]() | |
| Tim Gouch «Dagger Eyes» |
Despois da cadea de acontecementos que ocorreran naquela ocasión, hai días en que o senescal pensa seriamente no suicidio.
______
1ARLT, ROBERTO. Los siete locos. Los lazallamamas. Edición crítica de Mario Goloboff (Coord.). 1ª edición: Madrid, Barcelona, La Habana, Lisboa, París, México, Buenos Aires, São Paulo, Lima, Guatemala, San José: ALLCA: 2000. 875 p. A tradución da cita é miña. ISBN 2-914273-02-9.
domingo, 3 de abril de 2011
Incertae sedis
![]() |
| Dunha serie fotográfica de Stanley Kubrick |
Alí estaban. Ían e viñan polo carreiro químico que remataba no teito. Buscou a orixe daquel destacamento e retrocedeu até zócolo da outra parede debaixo do gabinete, onde descubriu sorprendido que entraban en saían do interior da torre do computador. Retirou a tapa e achou, horrorizado, que todas as compoñentes estaban infestadas: a placa, a tarxeta, a memoria, as conexións. As formigas, acubilladas por ese calor eléctrico, traballaban arreo. Unhas, andaban a arrastrar os restos dunha araña pola base da caixa cara debaixo dos discos duros, onde haberían de ter o seu almacén. Outras coidaban dunhas larvas nunha das tarxetas. As máis, corricaban dun lugar a outro sen finalidade aparente.
Aplicou insecticida en abundancia e logo duchouse. Pasou a mañá amañando a habitación e a equipa informática. Fixo a cama e volveuna poñer no seu lugar. Limpou a computadora por dentro con moito coidado. Limpou o e varreu a habitación. Almorzou e marchou para acudir á cita. Cando volveu á noite adiviñou unha compañía de insectos que se paseaba, como se nada, polo teclado.
Assinar:
Postagens (Atom)









