domingo, 30 de outubro de 2011

Gladiatrix

                   Marabillosa toma de Ioan Nicolae               
VIOLENTIA era o reclamo publicitario duns xogos no Coliseo e que foran organizados por un emperador  ao comezar o seu mandato. Cando menos así e como o relata un filme relativamente recente, malia ter xa uns cantos anos. Con certeza, os xogos tiñan moito de dous elementos. Eran un dos poucos divertimentos dunha sociedade que, na súa maior parte, estaba volcada ao traballo e que perduraron máis alá do Imperio Romano, transmutados, no Imperio Bizantino.
A violencia real como espectáculo non só se limitaba a combates singulares entre gladiadores, senón que chegaban a abraiantes niveis de sofisticación. Os anfiteatros enchéronse de animais exóticos que loitaban entre si ou contra gladiadores, ou simplemente devoraban an persoas indefensas, fosen mulleres, nenos, prisioneiros de guerra, ou, dependendo das circunstancias sociais, cristiáns. O enxeño romano chegou a inundar o Anfiteatro Flavio e introducir galeras de guerra auténticas para simular batallas navais.
Sei que este punto non é motivos de controversia nos debates da materia de «Xestión de Imperios» que se imparte nas Ivies. Calquera comparación coa actualidade déixanos en peor lugar. Desde que as guerras son televisadas, podemos presenciar o mesmo ou maior nivel de violencia a través dos partes. Bombardeos de última tecnoloxía contra caciques locais, onde as vítimas pertencen á poboación civil indefensa. Reparto de racións diminuídas entre refuxiados esfameados. Combates entre faccións rivais con armas provintes do mesmo vendedor. Execucións sumarias de terroristas. Masas de manifestantes reprimidas con fogo de armas pesadas. Deste xeito a diferenza dun duelo no Amphitheatrum fronte a unha intervención humanitaria é de escala: a maior violencia, maior hipocrisía e maior espectáculo.
A segunda diferenza sitúase nunha dimensión cualitativa, xa que o Amphitheatrum posuía un carácter de marxe social que o afasta de calquera espectáculo moderno. Efectivamente, os gladiadores, como grupo de escravos, podían eludir o rol social que se lle tiña imposto. Podían obter a súa liberdade, mesmo chegar a amasar fortunas e gañar certa tranquilidade na súa vellez. A consciencia de clase chegou a cristalizar na maior revolta, ma mías famosa e que chegou a inspirar a movementos libertarios posteriores,
O aspecto máis sorprendente desta faceta de marxe é o fenómenos das gladiadoras. Con efecto, había mulleres que loitaban nos xogos, cando menos nos dous primeiros séculos da nosa era. Parece ser que foi un fenómento o suficientemente estendido como para provocar unha reacción conservadora, mediante a prohibición gobernativa de Tiberio e Septimio Severo a principios do século I e III, respectivamente da participación das mulleres das clases altas nestas actividades. Contra o que se podería e pensar, parece ser que era un espectáculo especialmente valorado polo público (vulgo) e que foi vendido como unha novidade ao longo de douscentos anos e por todas partes do Imperio. Unhas veces loitaban en carros ao estilo celta, outras en combates singular ao estrusco.
Quizais a evidencia máis evocadora sexa o alto relevo en mármore atopado en Halicarnaso, hoxe gardado no Museo Británico. Mostra dúas mulleres enfrontadas coas súas armas e escudos, co peito descuberto (ao igual que os gladiadores), mais sen os seus helmos, se cadra como signo de recoñecemento mutuo, xa que cando dúas contrincantes se despoxaban dunha parte da súa armadura recoñecían un empate, caso no que ambas eran perdoadas. Quedáronnos os seus nomes: Amazona e Aquilia.


Nenhum comentário:

Postar um comentário