domingo, 25 de dezembro de 2011

Texto 3

Lilith de Paulina Otylie Surys
Quizais chegue o día en que volvamos estar xuntos. Non o creo. Non será agora; téñome que ir lonxe, afastarme de vós e dos ambientes que frecuentabamos. Perdoade. Non é nada persoal nin vos podedes culpar pola miña decisión. Debo deixar esta cidade por non sei canto tempo. Durante este exilio voluntario sei que vos botarei en falla, ao igual que botarei en falla estas rúas de arquitectura dura, ríxida e tristurenta que nos acompañou até hoxe.
Coas chaves á man lembro que teño que encher o depósito. Aínda non sei onde vou. Só vos podo dicir que non me busquedes, nin vos tratedes de poñer en contacto comigo. Quizais de aquí a algún tempo sexa eu quen finalice o meu ostracismo autoinducido. Dubido. O futuro é como un val verde afogado por unha espesa brétema cincenza, da mesma cor cincenta que describe Paul Celan, lembrades?
Non pensedes que a miña fuxida se debe a L. É certo que, se nalgún tempos os consentín ou os propiciei, xa non aturaba os seus comportamentos psicóticos. Recoñézovos que en certa ocasión fun cómplice das súas obsesións e entrei no xogo das súas paranoias porque pensaba que facía puntos. Se cadra son algo responsábel do que lle aconteceu. Creo que non.
Adeus.

terça-feira, 20 de dezembro de 2011

Anuncio: Nacemento e morte do reino de Galiza.

 con

Anselmo López Carreira
historiador

Martes, 27 de decembro, 20 a 21.30 h
Casa Galega da Cultura
Praza da Princesa n.º 2 - Vigo
Entrada libre e gratuíta

Mercé a Asociación Cultural O Castro.


domingo, 11 de dezembro de 2011

Kepler 22 b


Representación artística de υ Andromedae b, algo semellante ao que buscamos

Mentres que o eclipse luar que houbo esta noite pasou desapercibido, a descuberta do planeta Kepler 22 b foi celebrada polos medios de comunicación xeneralistas, influídos pola idea de que, dadas as súas carácterísticas, vén a ser unha especie da nova Terra. En realidade, temos poucos datos sobre Kepler 22 b. Sabemos que a súa estrela é do mesmo tipo que o noso Sol, que o seu radio duplica, aproximadamente ao da Terra,  que a súa órbita ten 289 días, e que se atopa na zona habitábel do seu sistema. Máis nada.
A procura de planetas fóra ao sistema solar leva en marcha desde hai certo tempo. A misión Kepler leva en marcha desde 2009 e ten 16 planetas candidatos a albergar vida como a da terra. Porén, a procura de planetas extrasolares comezou antes e desde diferentes observatorios (estes proxectos están sometidos a unha grande presión derivada da competencia por atopar unha nova Terra). Gliese 581 d foi descuberto en 2007, e HD 85512 b en agosto.
Aínda que o número de sistemas con planetas é moi elevado, o que estamos a buscar é moi específico. Precisamos un planeta que estea na zona habitábel do seu sistema solar, nin moi preto nin moi afastado da súa estrela, para poder conter auga líquida na súa superficie. Ademais de orbitar ao redor da estrela, débeo facer ao redor dun eixo levemente inclinado, para poder termos estacións e días. Debe ser dun tamaño, dunha masa e dunha gravidade parecida á da terra. Debe contar cunha atmosfera semellante á nosa e, ademais, escasa actividade volcánica.
Isto é unha carreira contra o reloxo, porque o noso Sol é limitado. Se queremos sobrevivir como especie, temos que atopar un lugar a onde ir e construír un medio de transporte para ir aló. 
Só temos 5 000 000 000 de anos.

domingo, 4 de dezembro de 2011

Texto 2

La Roache Brothers Photography - Laurence Edney and Wolfgang Mustain

A túa ollada pérdese na miña xusta implacabilidade, que se torna en némese adecuada. Coñezo a túa intención. Teño a certeza de que vas deixan un rastro de queixas e lamentos finxidos e calculados como o deportista de elite que procura o 100 exacto e monolítico. Percibo que baixo esa custe tersa agochas unha colección de cicatrices provocadas pola envexa máis ruín. Véxoas. O teu rostro reflicte una alma e a min éntranme ganas de vomitar os fígados, a bile e o páncreas ennegrecido. Non te aturo. Aínda lembro o primeiro día que te vin, escuálido e con expresión espiñenta e malintencionada. 
Ostia!
Non te podo nin ver diante.