domingo, 11 de dezembro de 2011

Kepler 22 b


Representación artística de υ Andromedae b, algo semellante ao que buscamos

Mentres que o eclipse luar que houbo esta noite pasou desapercibido, a descuberta do planeta Kepler 22 b foi celebrada polos medios de comunicación xeneralistas, influídos pola idea de que, dadas as súas carácterísticas, vén a ser unha especie da nova Terra. En realidade, temos poucos datos sobre Kepler 22 b. Sabemos que a súa estrela é do mesmo tipo que o noso Sol, que o seu radio duplica, aproximadamente ao da Terra,  que a súa órbita ten 289 días, e que se atopa na zona habitábel do seu sistema. Máis nada.
A procura de planetas fóra ao sistema solar leva en marcha desde hai certo tempo. A misión Kepler leva en marcha desde 2009 e ten 16 planetas candidatos a albergar vida como a da terra. Porén, a procura de planetas extrasolares comezou antes e desde diferentes observatorios (estes proxectos están sometidos a unha grande presión derivada da competencia por atopar unha nova Terra). Gliese 581 d foi descuberto en 2007, e HD 85512 b en agosto.
Aínda que o número de sistemas con planetas é moi elevado, o que estamos a buscar é moi específico. Precisamos un planeta que estea na zona habitábel do seu sistema solar, nin moi preto nin moi afastado da súa estrela, para poder conter auga líquida na súa superficie. Ademais de orbitar ao redor da estrela, débeo facer ao redor dun eixo levemente inclinado, para poder termos estacións e días. Debe ser dun tamaño, dunha masa e dunha gravidade parecida á da terra. Debe contar cunha atmosfera semellante á nosa e, ademais, escasa actividade volcánica.
Isto é unha carreira contra o reloxo, porque o noso Sol é limitado. Se queremos sobrevivir como especie, temos que atopar un lugar a onde ir e construír un medio de transporte para ir aló. 
Só temos 5 000 000 000 de anos.

Nenhum comentário:

Postar um comentário