domingo, 25 de dezembro de 2011

Texto 3

Lilith de Paulina Otylie Surys
Quizais chegue o día en que volvamos estar xuntos. Non o creo. Non será agora; téñome que ir lonxe, afastarme de vós e dos ambientes que frecuentabamos. Perdoade. Non é nada persoal nin vos podedes culpar pola miña decisión. Debo deixar esta cidade por non sei canto tempo. Durante este exilio voluntario sei que vos botarei en falla, ao igual que botarei en falla estas rúas de arquitectura dura, ríxida e tristurenta que nos acompañou até hoxe.
Coas chaves á man lembro que teño que encher o depósito. Aínda non sei onde vou. Só vos podo dicir que non me busquedes, nin vos tratedes de poñer en contacto comigo. Quizais de aquí a algún tempo sexa eu quen finalice o meu ostracismo autoinducido. Dubido. O futuro é como un val verde afogado por unha espesa brétema cincenza, da mesma cor cincenta que describe Paul Celan, lembrades?
Non pensedes que a miña fuxida se debe a L. É certo que, se nalgún tempos os consentín ou os propiciei, xa non aturaba os seus comportamentos psicóticos. Recoñézovos que en certa ocasión fun cómplice das súas obsesións e entrei no xogo das súas paranoias porque pensaba que facía puntos. Se cadra son algo responsábel do que lle aconteceu. Creo que non.
Adeus.

Nenhum comentário:

Postar um comentário