terça-feira, 17 de maio de 2011

Paul Celan – Fuga da Morte

Texto lido na mobilización expansiva de Queremos Galego hoxe:


Paul Celan – Fuga da Morte
Negro leite da aurora bebémolo ao anoitecer
bebémolo ao medio día e de mañá bebémolo de noite
bebemos e bebemos
cavamos un túmulo nos ares alí non se xace apertado
Un home mora na casa brinca coas serpentes escribe
escribe para a Alemaña cando escurece o teu cabelo dourado Margarete
escríbeo e plántase diante da casa e as estrelas faíscan el asubía aos seus mastíns
asubía aos seus xudeus manda cavar un túmulo na terra
ordénanos agora tocade para a danza
Negro leite da aurora bebémoste de noite
bebémoste de mañá e ao medio día bebémoste ao anoitecer
bebemos e bebemos
Un home mora na casa brinca coas serpentes escribe
escribe para a Alemaña cando escurece o teu cabelo dourado Margarete
O teu cabelo cincento Sulamita cavamos un túmulo alí no ar non se xace apertado
El grita vós cravade máis fundo no chan vosoutros cantade e tocade
agarra o ferro do cinto brándeo os seus ollos son azuis
vós cravade máis fundo as pas vosoutros seguide a tocar para a danza
Negro leite da aurora bebémoste de noite
bebémoste de mañá e ao medio día bebémoste ao anoitecer
bebemos e bebemos
un home mora na casa o teu cabelo dourado Margarete
o teu cabelo cincento Sulamita el brinca coas serpentes
El grita tocade a morte máis docemente a morte é un mestre da Alemaña
el grita tocade máis sombriamente os violíns entón subiredes como fumaza no ar
entón teredes un túmulo nas nubes alí non se xace apertado
Negro leite da aurora bebémoste de noite
bebémoste ao medio día a morte é un mestre da Alemaña
bebémoste ao anoitecer e de mañá bebemos e bebemos
A morte é un mestre da Alemaña o seu ollo é azul
acértate cunha bala de chumbo acértate de cheo
un home mora na casa o teu cabelo dourado Margarete
el encirra os seus mastíns contra nós regálanos un túmulo no ar
brinca coas serpentes e soña que a morte é un mestre da Alemaña
o teu cabelo dourado Margarete
o teu cabelo cincento Sulamita


Tradución de Xesús Manuel da Torre Martíns

domingo, 8 de maio de 2011

Texto 1

«–Ademais, quen non che di que iso sexa para ben? Quen vai facer a revolución social, senón os estafadores, os malpocados, os asasinos, os fraudulentos, toda a canalla que sofre abaixo sen esperanza ningunha? Ou cres que a revolución vancha facer os cagatintas e os tendeiros?»
ROBERTO ARLT 1

Tim Gouch «Dagger Eyes»
Despois da cadea de acontecementos que ocorreran naquela ocasión, hai días en que o senescal pensa seriamente no suicidio.



 ______
1ARLT, ROBERTO. Los siete locos. Los lazallamamas. Edición crítica de Mario Goloboff (Coord.). 1ª edición: Madrid, Barcelona, La Habana, Lisboa, París, México, Buenos Aires, São Paulo, Lima, Guatemala, San José: ALLCA: 2000. 875 p. A tradución da cita é miña. ISBN 2-914273-02-9.

domingo, 1 de maio de 2011

Memorias dun neno

Portada e lapela: unha magnífica ilustración de Seoane.
Afirmaba Italo Calvino que os libros que non se len, senón que se relen de continuo poden ser considerados como clásicos. O mesmo ocorre coa cancións que se poden escoitar un e outra vez e cos filmes que, proxectados de seguido, non só aburren, senón que desvelan novos dos seus detalles. 
Recentemente relín as Memorias... de Balbino – a primeira vez foi no ensino medio e haberían de pasar moitos anos e de que se sucedesen avalanchas de lecturas-. Fíxoseme evidente que se trata dun libro que muda de significado lido por un adolescente que por un adulto. 
Quizais sexa a insignificancia «obxectiva» do neno e os diferentes episodios que un adulto recoñecería, o que lle achega ese valor e relevancia literaria que se manifesta no éxito universal de recepción , converténdose nun dos nosos primeiros best-sellers cons seus 600.000 exemplares editados.
Balbino fascíname, éme especialmente próximo, o que non deixa de ser contraditorio porque non teño nada en común con el, máis ao ocupar un lugar extremadamente reducido no seu universo periférico, aldeán, no seu caso, equipárao a calquera neno (ou nena) que poidamos imaxinar. Quen non se sentiu algunha vez un ninguén? A súa autodefinición loce unha asombrosa lucidez: un ninguén, da aldea e pobre. Esta sagacidade esténdese ao descrición, dura, do seu mundo:
«Na guerra disque morren homes como moscas. Morren desfeitos pola metralla. Iso ponlle a calquera os pelos de espeto, e moitos non se decatan de que na aldea tamén caemos. Non se pelexa con soldados, pero lóitase cos trafegos da vida e coas doenzas do corpo. Morremos loitando. Non dunha terra revolta asentada coma na guerra, pero no adro hai decote terra revolta. Cando nacen herbas ó pé dunha lápida, a peta do enterrador remexe noutra.» p.103.
A sucesión de reveses vicisitudes que ten que padecer chega a ser abafante: as malleiras do pai, o resto que castigos que lle poñen na casa, o loito rigoroso, o estarrecedor caso de Pachín, a perda tráxica do seu amigo Lelo, son uns exemplos. Hai outros traballos, outros calvarios. Todos son motivos de frustración persoal e de claustrofobia socias:
«Eu quixera andar mundo. Ir por mares e terras que non coñezo. Nacín e crieime na aldea pero agora síntoa pequena, estreita. Como se vivise nun cortizo. Teño pensamentos que non lle podo contar a a ninguén. Algúns non me entenderían o outros chamaríanme tolo. Por iso escribo. E despois durmo como una pedra.» p. 34.
Balbino mantén en todo momento unha actitude crítica coa súa realidade. Chega a ter unha postura iconoclasta, que será a que o leve á revolta:
«Non sei por que hai xente que ten un tempo para cada cousa. Tempo de tolear no Entroido e logo facer de choróns na coresma. Se non fose pola morte do tío, eu tamén sería así. "Para onde vas tolo, para onde van todos", do meu pai. Pero como o loito faime andar de coresma arreo, cando chega a coresma de certo atopo ao demais igual ca min. Peor ca min, pois se non me divirto de verdade, divírtome coa xente, que troca de cariz segundo o calendario.» p.51.

A edición conmemorativa do 60º aniversario da primeira edición inclúe unha marabillosas ilustracións de Isaac Días Pardo, quitado a capa, de Lois Seoane.

NEIRA VILAS, Xosé. Memorias dun neno labrego. 31ª ed. (1ª ed.). Biblioteca Neira Vilas. Editorial Galaxia: Vigo. 2010. 141 pp. ISBN: 978-84-9865-343-4.
Balbino