segunda-feira, 18 de outubro de 2010

O Cocogator

Recentemente confirmouse a antigüidade do mecanismo de Anticitera. Esta calculadora analóxica ten por volta de dous mil anos. Xunto coa súa antigüidade sorprende pola súa extremada complexidade. Ademais, trátase dun enxeño moi eficiente: puido predicir con moitísima fiabilidade as posicións da figuras celestes. Unha sorte de planetario moderno. Moderno, porque Occidente non desenvolveu unha tecnoloxía semellante até o século XIX. Este aparello é unha xoia tecnolóxica, único na súa composición. No Islam houbo outros semellantes, máis simples.
A ciencia grecolatina, a helenística para máis precisión, estaba moito máis desenvolvida de o coñecemento convencional admite. Daquela, outra vez o cristianismo aparece como sospeitoso de ser unha causa do atraso intelectual da Idade Media. Distinguiu Europa fronte ao mundo Islámico, florecente en ciencias e letras naquela altura. A investigación científica chegou a constituír un dos mandatos desa crenza. En troca, as prohibicións de libros, as queimas de herexes, de bruxas ou os autos de fe, son sucesos perfectamente documentado na Europa cristiá. Ver de cando en cando Ágora axuda a imaxinarse os séculos da escuridade cristiá. Ollos, o mundo islámico tivo unha evolución semellante. Da Casa dos sabios de Bagdad á escuridade talibán. No fondo, a persecución do coñecemento vai nos xenes das relixións.
Volvento ao principio, o coñecemento científico evolúe dese xeito: cando aparece un feito que contradí unha teoría que se daba por boa, cómpre revisar os seus pricipios para que poidan explicar mellor a realidade ou crear unha teoría nova. Hai un libro que fala destas acumulacións de paradigmas científicos. Cada paradigma é tamén fillo da súa época e tampouco son alleos á ideoloxía dominante de cada época. Un dos exemplos máis claros deste fenómeno é a Economía, outro podería ser a Física Teórica. Teñen tantas teorías nos últimos anos como a Lingüística ou a Medicina.
Un dos ámbitos que está en proceso de remuda de paradigmas é a Historia Natural, a bioloxía histórica. Desde a Teoría da Evolución explicouse a orixe da diversidade biolóxica en termos de competencia violenta e a supervivencia do individuo máis apto (que son termos que Darwin tomou da Economía Política da súa época). Ao longo deste século as novas probas sinalan os puntos febles do darwinismo. Estas fendas son as que aproveitan os integristas relixiosos para introducir os seus mitos. No noso caso, os integristas cristiáns pretenden introducir a hipótese do deseño intelixente como un paradigma científico cando non deixa de ser unha recreación do mito da creación. Agora ben, se xorde a proposta creacionista en termos pseudocientíficos é porque hai varios feitos obxectivos que non son explicados por Darwin.
A primeira é  a escaseza de fósiles intermedios entre especies. Curiosamente, en EEUU, durante a investigación nun proceso xudicial relativo ao ensino atoupouse nun manuscrito as  palabras «creatinteligent designonism» que testemuña un fosíl intemedio entre creationism e inteligent design, o creacionismo e o deseño intelixente. Naquel manuscrito, os autores trataron de mudar creacionism e pór inteligent design nun manual antievolución. Mais deixaron o rexistro de trasición polo camiño. Tal e como predice a Teoría da Evolución.
Darwin non explica como é posíbel que unha mutación nun único individuo dunha especie desenvoque nun cambio de especies. Por suposto, a ciencia non remata con Darwin e a Teoría da Evolución mellórase e arestora responden mellor aos ataque creacinistas. Iso si, a ver como explica o caso do «cocogator».

Masa cristalizada de xofre e acenatilida

sábado, 9 de outubro de 2010

Escoitando Seemann

A year of days -  Ryan, Friday, October 8, 2010



Ao despertar, curioseou espida polos andeis da nutrida biblioteca. Descubriu un exemplar de Mein Kampf e un calafrio percorreu o seu corpo. Comprendeuno todo. 

sábado, 25 de setembro de 2010

Sobran os motivos: á folga xeral.

Un xornalista entrevista un home de uns 70 anos na rúa. O ancián entrevistado exprésase do seguinte xeito:


«Son fillo de exiliados. 


» Até que tiven 27 anos e, pouco antes da transición, non puiden volver a España
por culpa de Franco.

» Meu pai, pobriño, non sabiamos nin onde esterralo.

» Mamá estivo durante moitos anos en cadeira de rodas, enferma.

» Agora teño 70 anos.

» Hai meses quítaronme o 30% dun pulmón pola pública.

» A miña muller é inmigrante. 

» Teño tres fillos con ela.

» Dos tres só traballa unha, a do medio..., pero non cobra nada.

» Todos, mesmo os meus netiños, viven da miña paga.

» A maior vén de se separar.

» O meu xenro estábache metido na droga, e bebía, e a deixou con dous nenos pequenos.

» O pequeno dos meus fillos aínda non marchou da casa e, por riba, casou unha divorciada que meteu na casa connosco.

» Esa señora antes traballaba, pero desde que viu á miña casa non fai nada.

» Agora teñen dúas fillas que tamén viven no noso teito.

» E agora, con isto da crise, case non puidemos ir de vacacións e, se me apuras, nin puiden celebrar que España gañou o mundial de fútbol.»



O xornalista, abrindo os ollos a sete cuartas, comenta atónito:







« −Non creo que a súa situación sexa tan mala, Maxestade.»

Este mércores, todos á folga xeral. Sobran os motivos.

terça-feira, 7 de setembro de 2010

terça-feira, 31 de agosto de 2010

O fastío

Olaf Wipperfürth

De neno, xogabamos cunha botella, mais non ten nada a ver co moderno botellón. Eramos, quizais máis inocentes, ou quizais máis salvaxes; e non hai moito tempo, só uns cantos anos. O cacharriño consiste, para que non o souber, nunha versión depurada do coñecido escondite. Colliamos unha botella de plástico duro, para que fose resistente e que non quebrase cos golpes. Este punto é crucial en extremo. Con coidado, énchese de pedras, xabre ou terra para que teña o peso adecuado para que voe cunha patada furtiva.  
A mecánica do xogo é moi simple: temos unha botella voante, un espazo aberto, un grupo de nenos, un neno que vai apandar e outro que vai chimpar a botella o máis lonxe posíbel. No meu caso practicabamos esta distracción no Campo do Pauliño, un predio grande de abondo sen cultivar, con herbas longas e, ao fondo, silveiras e estrugas. O que apanda ten que ir buscar a botella, normalmente de lixivia, ao lugar onde caíse, mentres o restos buscabamos un acubillo. Logo de dar con ela debía volvela colocar na esquina correspondente e ir buscarnos. Se descubría a un, debía volver onde ao recuncho de berrar o seu nome tocando a botella. Que se agachaba tiña unha opción para se salvar: chegar antes que o pandote e darlle unha patada. Eventualmente, tamén se podía salvar se outro participante diferente chimpaba coa sufridora lonxe. A diversión podíase estender horas, mesmo días enteiros, apandando sempre o mesmo desgraciado.
Aínda que primitiva e infantil, practicabamos unha sorte de institucionalización da violencia porque no xogo non hai nada casual. Se apandaba un pequeno a botella non ía moi lonxe. Mais, ai de quen tivese unha conta pendente! A botella aterraba no medio das silveiras ou entre as ortigas con certeza. Unha ofensa ou insulto, unha débeda sen pagar, comportarse de forma indebida coas rapazas facían causa sobrada para un castigo reiterado, para prolongar un apande durante días. Porque neste mundo quen a fai, débea pagar, dunha forma ou doutra.
Desde os doce anos non volvín usar pantalóns curtos.