terça-feira, 17 de maio de 2011

Paul Celan – Fuga da Morte

Texto lido na mobilización expansiva de Queremos Galego hoxe:


Paul Celan – Fuga da Morte
Negro leite da aurora bebémolo ao anoitecer
bebémolo ao medio día e de mañá bebémolo de noite
bebemos e bebemos
cavamos un túmulo nos ares alí non se xace apertado
Un home mora na casa brinca coas serpentes escribe
escribe para a Alemaña cando escurece o teu cabelo dourado Margarete
escríbeo e plántase diante da casa e as estrelas faíscan el asubía aos seus mastíns
asubía aos seus xudeus manda cavar un túmulo na terra
ordénanos agora tocade para a danza
Negro leite da aurora bebémoste de noite
bebémoste de mañá e ao medio día bebémoste ao anoitecer
bebemos e bebemos
Un home mora na casa brinca coas serpentes escribe
escribe para a Alemaña cando escurece o teu cabelo dourado Margarete
O teu cabelo cincento Sulamita cavamos un túmulo alí no ar non se xace apertado
El grita vós cravade máis fundo no chan vosoutros cantade e tocade
agarra o ferro do cinto brándeo os seus ollos son azuis
vós cravade máis fundo as pas vosoutros seguide a tocar para a danza
Negro leite da aurora bebémoste de noite
bebémoste de mañá e ao medio día bebémoste ao anoitecer
bebemos e bebemos
un home mora na casa o teu cabelo dourado Margarete
o teu cabelo cincento Sulamita el brinca coas serpentes
El grita tocade a morte máis docemente a morte é un mestre da Alemaña
el grita tocade máis sombriamente os violíns entón subiredes como fumaza no ar
entón teredes un túmulo nas nubes alí non se xace apertado
Negro leite da aurora bebémoste de noite
bebémoste ao medio día a morte é un mestre da Alemaña
bebémoste ao anoitecer e de mañá bebemos e bebemos
A morte é un mestre da Alemaña o seu ollo é azul
acértate cunha bala de chumbo acértate de cheo
un home mora na casa o teu cabelo dourado Margarete
el encirra os seus mastíns contra nós regálanos un túmulo no ar
brinca coas serpentes e soña que a morte é un mestre da Alemaña
o teu cabelo dourado Margarete
o teu cabelo cincento Sulamita


Tradución de Xesús Manuel da Torre Martíns

Nenhum comentário:

Postar um comentário