domingo, 2 de outubro de 2011

XX

 
Faro de Vigo, «Hemeroteca do decano», hai 50 años, 30-9-2011. (!)

Primeiros emigrantes españois (?) a Australia

Chegou o transatlántico Aurelia, «precipitadamente procedeuse ao embarque (sic) dos 14 primeiros emigrantes españois (!?) que saen por Vigo con destino a Australia e escasamente dúas horas despois, o capitán do buque ordenou retirar a pasarela e soltar amarras para continuar viaxe (sic). Tiña moita présa pois desexa (sic) recuperar en ruta os catro días de mora que leva esta viaxe» (?). Partía así o primeiro continxente de emigrantes españois (?) con destino a Australia desde o porto de Vigo, «único de España que conta con este servizo(!). A próxima escala deste buque que presta servizo regular (!) entre Vigo e Australia está prevista para o mes de decembro.»

Lembro que entrei en contacto coa Rede a finais dos anos noventa, cando cheguei á universidade. Tiven a miña primeira conta de correo electrónico en Terra. Un ano máis tarde tiven o meu primeiro móbil, un Alcatel One Touch. Como min, eran ducias as persoas que comezabamos coa rede. Anos máis tarde, as festas de veteranos da Facultade anúnciabanse sob o lema «Lembras cando non había luz eléctrica?».
A Rede posibilitou a creación dunha comunidade galega no ciberespazo, o Blogomillo, con milleiros de blogs e webs, e, en sentido amplo, con redes e cun certo número de portais. Aínda que algúns desapareceron, mesmo dos máis importantes, o Blogomillo séguese mantendo, mudando de forma, migrando a outros formatos, mais, esencialmente, sendo un reflexo, unha hiperversión do país na Internet.
Esta comunidade ten no seu suxeito colectivo o seu maior valor. Só tendo en conta este actor ten sentido explicar fenómenos como o da Galipedia, unha enciclopedia do máis recomendábel, ou o de Chuza(r), que desapareceu e volveu unha outra vez por vontade da comunidade. A vitalidade do Blogomillo convérteo, moi seguramente, non segundo espazo virtual nunha lingua minorizada en Europa, por detrás unicamente do catalán. A posibilidade dun dominio .gal abre unhas expectativas inmensas.
Este factor comunitario (tan noso), é impensábel noutros ámbitos, e en especial no da prensa escrita, dominado por un grupo controlado por unha única persoa. O resto son medios de ámbito local, tamén cunha relación moi reducida de propietarios. Estes medios, a diferenza do Blogomillo, non son un reflexo de Galiza, senón unha caricatura deformada da nosa realidade.
Defenden os intereses dos seus propietarios (isto é lexítimo), mais, para o facer, enarboran as bandeiras localistas, enfrontando cidades contra cidades. O grave é que isto sucede acotío, o tráxico é que vén sucedendo desde hai moito tempo. Así temos un país enfrontado entre si, onde as traxedias son oportunidades (como a emigración) e as oportunidades reais pérdense sen remedio.
Estes puntos de vista deixan un pouso na sociedade onde o bo é malo, e o malo é bo.

Nenhum comentário:

Postar um comentário