sábado, 25 de maio de 2013

Meis é poesía

Meis é poesía é o título dunha escolma de poesía escrita en diferentes alturas históricas, por persoas que teñen pouco a ver entre si e que as une o cariño que senten por Meis. No meu caso, "coeime" nesta antoloxía por acaso, e o meu agarimo non é previo á miña achega, senón simultáneo. Eis o meu traballo:



     B-boyin’ en Outeiro de Cribo

Sumido no máis profundo do bosque
Pola memoria ou polo maxín esquivo
Mentres a névoa apuñala a noite fría e dura
E os latexos baten polo medo no peito
E a túa curta idade mingua aínda máis.

Os cerqueiros e os piñeiros envexan
Os teus pasos extraviados e famentos
Os fentos, valorosos, ocúltante das bestas
E as túas bágoas, dos camiños perdidos
No duro frío da noite como pedras.

Bailan sobre as rochas iluminadas pola súa propia figura
Os peplos de esmeralda xogan coa névoa cincenta
As cintas douradas, cos cabelos rubios.
Ollas incrédulo a coreografía imposíbel.
E non hai palabras.

A Aurora ameza este simposio
As dedas do sol penetran con forzo brutal entre a follaxe
Veloces como galgos, voraces como formigas.
O encantamento esvaece no aire
Cun sorriso en cadanseu rostro.

Ficarán, pois, ate o ocaso desta era escura,
Gravada na pedra, as pegadas das mulleres.
Ficarán ate o retorno dos vellos deuses, esquecidos.
E ti recolles do chan unhas tesoiras, enferruxadas,
Que che sinalan o camiño á casa.






Petróglifo de Outeiro da Cribo,
Armenteira. Galipedia.



Nenhum comentário:

Postar um comentário