domingo, 27 de novembro de 2011

En mans de quen están?

Avanza a iniciativa Sermos Galiza mentres se presentan outros proxectos comunicativos galegos e en galego e, aínda que participo activamente da primeira, mercando accións, e difundido o que podo esta iniciativa, e saúdo os outros plans dos que se está a falar polo baixo, ou dos que veñen de aparecer, como Anfiteatrogzradio. Estou convencido de que cantos máis medios propias aparezan, mellor será para todos porque contribúen a crear un sistema comunicativo onde, ao igual que un ecosistema, poden xurdir máis e máis elementos e tamén proporcionan unha riqueza informativa (e económica) que tanto precisamos. De manifestárense diferenzas de opinión canto a matices ou apaixonadas polémicas con certa naturalidade. Como nunha charca, haberá de todo e supoño que no seu momento teremos un deportivo como A Bola. Como na ribeira dunha charca, cun pouco de sol e de auga, medrarán e se propagarán. Desgraciadamente, o problema non se acha nos futuros medios galegos en galego, senón dos actuais que non se editan en galego.
Por exemplo, o emprego da lingua galega por parte dos grandes medios impresos oscilaba en 2008, segundo datos oficiais, entre o 0% e o 7,5%. A día de hoxe non hai datos publicados, máis intúo que non serán mellores. A maior parte destes xornais reciben durante moitos anos fondos públicos vía subvencións ou convenios de colaboracións, para promover o galego, con escaso resultado ou, noutros casos, con efecto contrario, manipulando a realidade. A maior parte destes medios reciben fondos públicos da Xunta para outro tipo de finalidades, moitas veces con dubidosa xustificación, algunhas das cales deberían ser examinadas con lupa. A maior parte destes medios manteñen unha liña editorial semellante, que se caracteriza, en primeiro lugar, por un localismo a morte, en boa lóxica cos seus mercados que se cinguen, na inmensa maioría dos casos, ao ámbito local. En segundo lugar, os contidos destes medios deixan que desexar. Xa  non se trata de que traten as informacións desde un posición próxima á miña, senón que presentan carencias canto á técnica informativa contrastada, enchendo o espazos con textos máis próximos ao costumismo decimonónico que ao contraste informativo e desdebuxando a distinción entre información e opinión. Semellan máis folletíns do século XIX que mediadores críticos da información.
Faise necesaria unha análise pormenorizada do papel destes medios, de cómo actúan e cales son os efectos do seu traballo. Convén reflexionar sobre esta liña editorial, así como, e creo que é esencial, sobre a súa estrutura empresarial e máis concretamente sobre a estrutura da súa propiedade. Fóra de La Voz, cuxo dono é amplisimamente coñecido, penso que hai un absoluto descoñecemento arredor desta cuestión. Por exemplo, Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña pertencen, con sociedades intermedias, ao mesmo grupo: Editorial Prensa Ibérica. Do mesmo xeito, El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Bergantiños, Diario de Arousa pertencen directamente á mesma empresa Editorial La Capital S. L. Creo que sería un exercicio moi interesante xeneralizar esta labor a todos os medios.
Para rematar, apunto tres datos sobre estes medios: o uso de galego, a audiencia estimada e fondos recibidos por conta dun convenio de colaboración ao que habería que engadir as subvencións e outro tipo de ingresos. Na gráfica, orientativa, fíxome no o treito que considero máis interesante e que se  corresponde coa area inferior esquerda, onde se sitúan  maior parte dos medios. Pódese apreciar que forman un sistema de semellantes, o que me fai pensar que La Voz (tan vilipendiada) é unicamente a parte máis grande dun problema aínda moito maior.


Premendo na imaxe vese ampliada

Datos. A audiencia provén do EGM, agás no caso do Xornal de Galicia que é unha estimación miña. O % de galego provén dos datos do OLG agás o Xornal, El Correo Gallego/GH, os medios de La Capital, El Mundo e Atlántico Diario que son estimacións miñas (optimistas, hai datos máis negativos). Os cantidades económicas están tiradas da información oficial da Xunta.

Medios
Audiencia
% de galego
€ en convenios
La Voz de Galicia
600.000
4,1%
 657.880,28 €
Faro de Vigo
272.000
4,2%
 134.401,84 €
El Progreso de Lugo
90.000
8,6%
 332.956,96 €
Xornal de Galicia
85.500
23,0%
 8.063,00 €
El Correo Gallego/Galicia Hoxe
82.000
11,2%
 265.094,90 €
La Región de Ourense
81.000
4,4%
 283.540,28 €
El Ideal Gallego-Diario de Ferrol
Diario de Bergantiños-Diario de Arousa
64.000
6,0%
 17.986,36 €
El mundo
61.000
0,0%
 80.000,00 €
Diario de Pontevedra
45.000
4,0%
 84.529,33 €
La Opinión de A Coruña
43.000
4,6%
 72.279,92 €
Atlántico Diario
16.000
6,0%
 26.817,28 €

domingo, 13 de novembro de 2011

Danos colaterais

Cabazo na Galipedia
Quedan na memoria as mobilizacións en defensa da lingua galega. No seu momento foime moi complicado  calcular o número de asistentes a aquelas manifestacións. Na última, por exemplo, hai quen dixo que o Obradoiro estivo ateigado por espazo  de unha hora. Houbo quen dixo que estivemos alá unhas 100.000 persoas. A día de hoxe quédame a sensación de multitude, de que fomos moitos os que gozamos dun ambiente lúdico, porque máis que unha manifestacións ao uso, foi unha festa en defensa do galego. Ben mirado, un contrasentido. Diante das agresións tan graves que cometeu (e comete) o goberno de Feijoo contra o galego, cabería esperar manifestacións semellantes a motín que a festivais. Este carácter carnavalesco da reivindicación non é novo: experimenteino durante as protestas contra a LOU, pola catástrofe do Prestige e contra a guerra de Iraq.
Volvendo ao Obradoiro, un observador alleo puido ter comprobado o número e o talante da mobilización. De feito, un amigo, que tamén colaboraba coa organización, comentoume o caso de Marda que, procedente do centro de Europa, visitaba Santiago por uns días. En absoluto agardaba esta muller achar algo así na súa visita a unha cidade como Compostela. Confusa, e logo de descartar a posibilidade de que se tratase dunha manifestación de carácter relixioso, dirixiuse cara un membro da organización para interesarse polo acontecemento. Atónita ficou diante das explicacións sobre como o decreto do galego prohibiu a nosa lingua para as disciplinas matemáticas e científicas. Sentiu simpatía pola nosa mostra de indignación.
Como contrapunto deste carácter lúdico, puiden presenciar un cadro que non é sorprendente, mais significativo. Na entrada sur do Obradoiro, pasou, en dirección contraria á marcha, saíndo da praza, un home. Este señor vai ben vestido, con indumentaria ostentivamente de marca, de marca cara, por suposto. Este home de mediada idade vai acompañado dunha muller, un pouco máis nova que el e de dous nenos. Supoño que se trataba de home muller e fillos. O home comezou berrar, dirixíndose ao locutor, que animaba desde o palco: «vago, que eres un vago, chorizo, vete a trabajar, chorizo». Un membro do servizo de orde retrucoulle, sen chegar berrar tanto «non veñas aquí a provocar, non te escondas detrás da túa familia».
Pódome imaxinar como serían as novas que recollerías os medios de comunicación (os que quedan), se a resposta á provocación fose outra. Quizais teríamos unha portada cunha agresión físico, nenos polo medio. Non foi así, todo o contrario. No lugar de entrar nun xogo perverso coas cartas marcadas, o mellor e cambiar de baralla. Por outra parte, o provocación pasa con moito de ser unha anécdota, chegando ao carácter de paradigma. Defender o indefendíbel recorrendo a principios morais.
De feito, o discurso de matriz ideolóxico da dereita emprega esta técnica para xustificar e agochar as súas propostas. Defender, por exemplo, o principio da liberdade en abstracto poder ter diversos efectos, os máis deles perversos. Este home do Obradoiro podía querer a súa liberdade a decidir a lingua na que se lle debe ensinar bioloxía  aos seus fillos, o que pode ser discutido. Agora ben, sobre a defensa da súa liberdade, podería pretender que aos seus fillos non se lles aprendese a Teoría da Evolución, o que sería tremendamente irresponsábel ou que a ningún fillo de ninguén se lle ensinase a Teoría da Evolución, o que realmente é unha atrocidade. Algo falla na defensa dunha liberdade que non é para todos igual, e máis cando se empregan nenos como escudos humanos.

domingo, 6 de novembro de 2011

Prensa rosa

Fixen un esforzo especial para que esta primeira plana fose especialmente fea
Teño a certeza de que unha primeira plana como esta permanecerá inédita o 21 de novembro e non porque se trate dun contido inventado, non disparatado. Os fundamentos da miña convicción baséanse non tanto no contido da suposta nova como na forma en que  a formulo. De feito, creo que unha primeira plana como esta non se producirá xamais, posto que estou convencido de que é imposíbel que se coe unha gralla, unha falta de ortografía na primeira páxina dun medio de certa importancia.
En primeiro lugar, os diferentes filtros que se estabelecen na produción editorial dificultan os accidentes deste tipo. Con todo e con iso, a imposibilidade débese a factores moito máis profundos do que cabe imaxinar en virtude da aplicación de criterios de calidade editorial. O castelán como «lingua de Estado» goza dun nivel de protección que non teñen outras lingas.
Como lingua oficial, desfruta de altísimos niveis de cobertura legal a raíz o seu estatuto como lingua oficial o Estado. Pódense rastrexar 500 disposicións legais vixentes onde se estabelece o emprego do español como lingua prioritaria. Unhas, como a Constitución Española ou o Tratado da Constitución da UE, teñen carácter constitutivo do Estado onde resulta lóxico e esperábel atopa esta estatutización do español. Outras disposición teñen rango de lei e tamén son relativamente coñecidas. Sirvan como exemplos a Lei do poder xudicial, o Regulamento do Congreso dos deputados, a Lei de procedemento administrativo,  a Lei de iniciativa lexislativa popular, a Lei de defensa do consumidor,  ou a Lei do cinema.
Porén, as disposicións máis curiosas son as de rango inferior á lei. Algunhas teñen unha finalidade claramente simbólica, como o Real Decreto fórmula de xuramento en cargos e funcións públicas, a Orde de emisión de moeda ou a Resolución dos modelos de licencias de armas. Outras, corresponden a un nivel de vida cotiá chegando ao esperpento: o Real Decreto  de seguridade mineira, a Orde de denominación do aeroportos, a etiquetaxe de conservas vexetais, as normas técnicas para billas sanitarias en locais de hixiene persoal, a norma técnica para a homologación de máquinas de café, a norma de calidade para mexillóns cocidos e conxelados…
Derivado deste carácter de lingua oficial über alles, o español configúrase como a lingua vehicular por antonomasia do sistema educativo. Así, a LOE estabelece unha discriminación positiva a favor do español (moi lonxe do 50%) en educación infantil, na primaria, na secundaria, no bacharelato,  na formación profesional inicial, nos ciclos medios e superiores, na formación artística, na formación musical e na formación deportiva.
Fóra do sistema obrigatorio de dereito ou de feito, tamén se percibe esta primacía na formación de grao e posgrao no nivel de universitario, na formación de adultos e na formación profesional para o emprego. Case nada.
A «trama» lingüística está conformada por un conglomerado de entidades de diferente tipo, mais cun número comparativamente elevado. Facendo un pequeno repaso temos a RAE, e a asociación de academias ASALE, o Instituto Cervantes, a Fundación Carolina, o Instituto de España, o Ministerio de Cultura, o Ministerio de Educación (ambos os dous con competencias teóricas transferidas ás comunidades autónomas e, centrada na política de difusión exterior, a Axencia Española de Cooperación Internacional (que ten a responsabilidade sobre os leitorados de español no exterior).
Esta trama lingüística presenta certos puntos escurros. O primeiro destes buracos negros é a cuestión de financiamento. É obvio que moitas destas entidades se financian parcialmente á conta dos Orzamentos Xerais do Estado e, nalgúns casos, de achegas de comunidades autónomas. Máis hai outros financiamentos, a RAE, por exemplo, recibe parte dos seus fondos de venda de libros e outros produtos mercantís e e tamén de achegas de benefactores pola vía interpostas da Fundación Pro-RAE. A disparidade de entidades, a diferentes fontes de financiamento e as entidades superpostas e subsidiarias fai imposíbel unha fiscalización dos fondos destinados para a promoción da lingua española. Por seguir o exemplo, os orzamentos reais da RAE superan os catro millóns de euros da partida dos OXE.
Outro aspecto destacábel é o grao de polémica que presentan estas entidades. Por seguir o exemplo, a RAE é continuamente criticada por moitas das súas actuacións, comezando polo sistema de nomeamento de académico ou polo financiamento provinte grandes corporacións (moitas cotizan no mercado de valores). Tamén lle choven  cuncas pola teima de non publicar nas súas obras as fontes de elaboración o que se debe, tal e como confesan algún académicos en privado, por vampirizar outros traballos de maior prestixio, nomeadamente o Diccionario Panhispánico e a Ortografía académica. Esta rigorosidade convértese en agresividade e merece unha mención especial o escándalo organizado ao redor do caso do xornalista uruguaio Ricardo Soca, que alporizou a toda América, desde Buenos Aires até Nova York.
Este caso, foi seguido en magnitude polo escándalo provocado polo Instituto Cervantes no Brasil, que declarou unha guerra aberta contra os seus docentes polas condicións laborais primeiro e contra as asociacións brasileiras de docentes de españois despois pola súa intromisión no sistema educativo. Chegou a tal extremo, que deu en provocar a intervención da xustiza brasileira contras as actuacións da citada entidade e materia laboral por unha banda e condenándoa por publicidade enganos por outras. O conto finalizou coa intervención do Governo Federal Brasileiro e a promulgación da Lei do Espanhol para regular o sector (e que foi vendida como o recoñecemento dunha punxanza do español, cando hai que entendela con outras claves). Proximamente veremos un conflito semellante en Portugal.
As polémicas ao redor da lingua española do mundo deixan pequenos os ruxe-ruxe da prensa do corazón.

domingo, 30 de outubro de 2011

Gladiatrix

                   Marabillosa toma de Ioan Nicolae               
VIOLENTIA era o reclamo publicitario duns xogos no Coliseo e que foran organizados por un emperador  ao comezar o seu mandato. Cando menos así e como o relata un filme relativamente recente, malia ter xa uns cantos anos. Con certeza, os xogos tiñan moito de dous elementos. Eran un dos poucos divertimentos dunha sociedade que, na súa maior parte, estaba volcada ao traballo e que perduraron máis alá do Imperio Romano, transmutados, no Imperio Bizantino.
A violencia real como espectáculo non só se limitaba a combates singulares entre gladiadores, senón que chegaban a abraiantes niveis de sofisticación. Os anfiteatros enchéronse de animais exóticos que loitaban entre si ou contra gladiadores, ou simplemente devoraban an persoas indefensas, fosen mulleres, nenos, prisioneiros de guerra, ou, dependendo das circunstancias sociais, cristiáns. O enxeño romano chegou a inundar o Anfiteatro Flavio e introducir galeras de guerra auténticas para simular batallas navais.
Sei que este punto non é motivos de controversia nos debates da materia de «Xestión de Imperios» que se imparte nas Ivies. Calquera comparación coa actualidade déixanos en peor lugar. Desde que as guerras son televisadas, podemos presenciar o mesmo ou maior nivel de violencia a través dos partes. Bombardeos de última tecnoloxía contra caciques locais, onde as vítimas pertencen á poboación civil indefensa. Reparto de racións diminuídas entre refuxiados esfameados. Combates entre faccións rivais con armas provintes do mesmo vendedor. Execucións sumarias de terroristas. Masas de manifestantes reprimidas con fogo de armas pesadas. Deste xeito a diferenza dun duelo no Amphitheatrum fronte a unha intervención humanitaria é de escala: a maior violencia, maior hipocrisía e maior espectáculo.
A segunda diferenza sitúase nunha dimensión cualitativa, xa que o Amphitheatrum posuía un carácter de marxe social que o afasta de calquera espectáculo moderno. Efectivamente, os gladiadores, como grupo de escravos, podían eludir o rol social que se lle tiña imposto. Podían obter a súa liberdade, mesmo chegar a amasar fortunas e gañar certa tranquilidade na súa vellez. A consciencia de clase chegou a cristalizar na maior revolta, ma mías famosa e que chegou a inspirar a movementos libertarios posteriores,
O aspecto máis sorprendente desta faceta de marxe é o fenómenos das gladiadoras. Con efecto, había mulleres que loitaban nos xogos, cando menos nos dous primeiros séculos da nosa era. Parece ser que foi un fenómento o suficientemente estendido como para provocar unha reacción conservadora, mediante a prohibición gobernativa de Tiberio e Septimio Severo a principios do século I e III, respectivamente da participación das mulleres das clases altas nestas actividades. Contra o que se podería e pensar, parece ser que era un espectáculo especialmente valorado polo público (vulgo) e que foi vendido como unha novidade ao longo de douscentos anos e por todas partes do Imperio. Unhas veces loitaban en carros ao estilo celta, outras en combates singular ao estrusco.
Quizais a evidencia máis evocadora sexa o alto relevo en mármore atopado en Halicarnaso, hoxe gardado no Museo Británico. Mostra dúas mulleres enfrontadas coas súas armas e escudos, co peito descuberto (ao igual que os gladiadores), mais sen os seus helmos, se cadra como signo de recoñecemento mutuo, xa que cando dúas contrincantes se despoxaban dunha parte da súa armadura recoñecían un empate, caso no que ambas eran perdoadas. Quedáronnos os seus nomes: Amazona e Aquilia.


domingo, 23 de outubro de 2011

quarta-feira, 12 de outubro de 2011

domingo, 2 de outubro de 2011

XX

 
Faro de Vigo, «Hemeroteca do decano», hai 50 años, 30-9-2011. (!)

Primeiros emigrantes españois (?) a Australia

Chegou o transatlántico Aurelia, «precipitadamente procedeuse ao embarque (sic) dos 14 primeiros emigrantes españois (!?) que saen por Vigo con destino a Australia e escasamente dúas horas despois, o capitán do buque ordenou retirar a pasarela e soltar amarras para continuar viaxe (sic). Tiña moita présa pois desexa (sic) recuperar en ruta os catro días de mora que leva esta viaxe» (?). Partía así o primeiro continxente de emigrantes españois (?) con destino a Australia desde o porto de Vigo, «único de España que conta con este servizo(!). A próxima escala deste buque que presta servizo regular (!) entre Vigo e Australia está prevista para o mes de decembro.»

Lembro que entrei en contacto coa Rede a finais dos anos noventa, cando cheguei á universidade. Tiven a miña primeira conta de correo electrónico en Terra. Un ano máis tarde tiven o meu primeiro móbil, un Alcatel One Touch. Como min, eran ducias as persoas que comezabamos coa rede. Anos máis tarde, as festas de veteranos da Facultade anúnciabanse sob o lema «Lembras cando non había luz eléctrica?».
A Rede posibilitou a creación dunha comunidade galega no ciberespazo, o Blogomillo, con milleiros de blogs e webs, e, en sentido amplo, con redes e cun certo número de portais. Aínda que algúns desapareceron, mesmo dos máis importantes, o Blogomillo séguese mantendo, mudando de forma, migrando a outros formatos, mais, esencialmente, sendo un reflexo, unha hiperversión do país na Internet.
Esta comunidade ten no seu suxeito colectivo o seu maior valor. Só tendo en conta este actor ten sentido explicar fenómenos como o da Galipedia, unha enciclopedia do máis recomendábel, ou o de Chuza(r), que desapareceu e volveu unha outra vez por vontade da comunidade. A vitalidade do Blogomillo convérteo, moi seguramente, non segundo espazo virtual nunha lingua minorizada en Europa, por detrás unicamente do catalán. A posibilidade dun dominio .gal abre unhas expectativas inmensas.
Este factor comunitario (tan noso), é impensábel noutros ámbitos, e en especial no da prensa escrita, dominado por un grupo controlado por unha única persoa. O resto son medios de ámbito local, tamén cunha relación moi reducida de propietarios. Estes medios, a diferenza do Blogomillo, non son un reflexo de Galiza, senón unha caricatura deformada da nosa realidade.
Defenden os intereses dos seus propietarios (isto é lexítimo), mais, para o facer, enarboran as bandeiras localistas, enfrontando cidades contra cidades. O grave é que isto sucede acotío, o tráxico é que vén sucedendo desde hai moito tempo. Así temos un país enfrontado entre si, onde as traxedias son oportunidades (como a emigración) e as oportunidades reais pérdense sen remedio.
Estes puntos de vista deixan un pouso na sociedade onde o bo é malo, e o malo é bo.

domingo, 25 de setembro de 2011

29 de setembro, xoves





A Asociación Cultural O Castro organiza este xoves a presentación de Sermos Galiza Iniciativa social por un medio de comunicación galego.
Os detalles están na imaxe.
Clica nela
;)

domingo, 19 de junho de 2011

Sospeita

Debe ser que estou morto
e esa sería a causa
de que agora me vexa desde enriba
a catro ou cinco metros de distancia
da miña propia vida.

Vivo unha gerra fría e clandestina
á sombra dun amor que xa non dexenera
noutras insurreccións que xa non dexenera
ou degradada negación do tempo
e non permite que con el se interne
a obseción ou a dor que provocara
o fracaso que se foi infiltrando
fluíndo de insalubres sumidoiros

transformando a miña vida sedada alma
nunha fría fosa séptica sumisa e maina
pero alerta e activa
contaxiosa e letal.

Lois Pereiro, Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995.

domingo, 12 de junho de 2011

Collage Poético



Konstantinos Kavafis, Poemas canónicos


Troianos

Son os nosos esforzos –os dos miserables–,
son os nosos esforzos coma os dos troianos.
Logramos unha mínima vitoria, obtemos
un pequenísimo éxito, e o ánimo e a esperanza
comezan a crecer en nós.

Mais sempre acontence algo que nos frea.
Aquiles xorde da trincheira ante nós
e espántanos a grandes voces.

Son os nosos esforzos coma os dos troianos.
Pensamos que a afouteza e o valor
mudarán a nosa sorte adversa,
e saímos entón ao campo de batalla.

Mais cando chega o momento decisivo
esváense o valor e a afouteza;
a nosa alma treme e paralízase;
e botamos a correr rodeando os muros,
tratando de fuxir para salvarnos.

Mais a nosa caída é segura. Alí enriba,
Sobre as murallas, xa comezaron os laios.
Os recordos e o ardor dos nosos días,
Xa choran con amargor Príamo e Hécuba.



Anna Akhmátova, Só o silencio me responde

O anxo que me protexeu tres anos
alzouse,entre luces e lume,
mais paciente agardo o día máis doce:
o día en que el volverá a min.

Que afundidas as fazulas, que pálidos beizos,
non se pode recoñecer o meu rostros;
é que xa non son bela, non son máis aquela
que un día o turbou cunha canción.

Hai tempo que xa nada temo neste mundo,
e gardo na memoria as verbas da despedida.
postrareime aos seus pés cando entre,
e antes apenas lle dedicaba un saúdo.



Lois Pereiro, Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995

(«Onde está o perigo medra tamén o que salva», pensaba Hölderlin... [Lois  empezaba a sabelo].)


A través do colchón

Virá calada, oculta e con nocturnidade,
chegando desde abaixo a través do colchón,
entre as derivación intuídas e temidas
dunha vírica rebelión interna:
a herdanza que conservo e atesouro
como se fose a miña propia sombra