domingo, 11 de março de 2012

Novo golpe dos 18


Delatores dos baixos fondos da cidade compostelá confirman o inminente golpe delictivo da banda dos 18. Segundo estes informes, planean dar un golpe nalgún punto da periferia compostelana, amparándose na despreocupación das forzas de orde público nos actos delictivos comúns, centradas noutras tarefas prioritarias. Os confidentes afirman que se vai desprazar unha parte da banda desde outras cidades galegas até a capital galega. Afirman que se trata dunha organización delictiva de carácter moi perigoso e que está moi ben organizada.
Até o de agora descoñecemos o nome do xefe da banda, ou dos cabecillas máis prominente. A falta dunha cabeza dirixente fai máis complexas as investigacións. Por outra parte, aseguran que teñen a súa base de operacións en Vigo, onde teñen un refuxio seguro nun antro cuxo nome, por decencia, non referiremos aquí. Ao parecer existe certa colaboración con outras organizacións viguesas.
O golpe é inminente, polo que se solicita a colaboración cidadá. Se observa un grupo sospeitoso polos arredores da estación de buses de Santiago, pregamos que se poñan en contacto inmediatamente coa Garda Civil. Únicamente o benemérito corpo pode dar conta desta banda de maleantes. 

Proba de cargo núm. 2. Que planea a banda dos 18?

domingo, 4 de março de 2012

Inusitado

Neuronas en acción - xxnano1106xx
O seco son escoitouse desde a profunda escuridade. Recoñecino ao instante, tan característico, nese éter lúgubre, cálido e cincento. Pouco se pode engadir, pois as palabras enmudecen cando se miden co berro contido dun 9 mm. Déixome levar. Se teño xente diante, fágome o mouco, como se non escoitara nada. Disimulo e me sae ben. Ninguén sospeita do ocorrido.

Ao principio pensei na posibilidade dun accidente. Logo na opción dun suicidio. Tiña outra imaxe destes, mesmo cando se trataban de versións sofisticadas con armas semiautomáticas polo medio. Cría, na miña inocencia, que se traba dun acto de dignisima enteireza. Porén, decátome agora do errado que estaba. Trátase dun acto de covardía, ou de inutilidade extrema. Son, ademais, moi sucios. Tamén estaba equivocado sobre o autor do disparo. Corrixo, sobre a autora do disparo.

Quen podía sospeitar as consecuencias de que ela actuase así? As demais íano ter en conta. Con todo, cando Neurona Parva decidiu que había que visionar o vídeo, en directo, de «Baby» de Justin Bieber para ver quen era e de que ía, por curiosidade inxenua, calculou mal as implicacións. Unhas quedaron en estado de shock e outras tolearon de todo. Algunha deixou de vivir para sempre por mor do impacto do merengue tonal e da saturación melosa da voz dese individuo abxecto.

Confundín de plano os acontecementos. Ocorréuseme nun primeiro momento que Neurona Intelixente, a miña querida amiga, optara por deixara este mundo: subestimeina outra vez. O cálculo frío e as súas dotes de mando impresiónanme porque se puxeron en marcha de novo, esta vez por propia supervivencia. Agora xace inerte na escuridade cerebral máis absoluta. Neurona Mala, a que se ocupa dos meus máis escuros desexos e imaxina as máis inconfesábeis perversións, observa, coa arma ao cinto, os restos calados e de esguello vixía os lamentos de Boa, acubillada nunha esquina. Chora sen consolo. Intelixente finxe estupefacción, mais, de fitar nos seus trazos, acertaría co reflexo da satisfacción absoluta polo éxito da conxura. O resto, aliviadas e hipócritas, fan coma que non pasou nada.

domingo, 26 de fevereiro de 2012

Joshua Bell

Reproducción dun fractal (Non localizo autor/a).
12 de xaneiro de 2007.
7.50 h da mañá.
No metro da cidade de Washinton un home toca o violín. Ducias de persoas pasan diante sen reparar nel. Homes e mulleres van ás presas coller o seu coche. Non hai tempo para desfrutar dun pouco de música. Só algún neno para quedo, absorto na música. Logo, a nai tira del con forza para seguiren o  seu camiño. O violinista está a interpretar a Partita en Re menor nº2 de Johan Sebastian Bach, cando un funcionario do Ministerio de Enerxía, afeccionado ao rock e se vagaxe de música clásica, se decata da beleza da melodía, tocada cunha con mestría particular, única. Durante o tempo que estivo a tocar, pasou por ese mesmo lugar un milleiro de persoas. Unhas cantas botaron do estoxo do instrumento sumando unha cantidade de 32 dólares e 17 centavos. O violín que contén, un Stradivarius de 1713 está valorado en 3.500.000 dólares. O intérprete, Joshua Bell, é un afamado intérprete: uns días antes enchera o Boston Symphony Hall a razón de 100 dólares a butaca, como promedio.
Este suceso formaba parte dun experimento. A estimación inicial calculaba recaudar uns 150 dólares nunha hora. Fracasou de plan. Probou, en troca, que un acontecemento singular pode pasar completamente desapercibido. Este tipo de acontecementos diminutos pode ter consecuencias insospeitadas, convertendo un suceso casual nunha causa transcendental dun proceso enormemente, de xeito que as relacións causais poden prologarse no tempo ou estenderse no espazo case xeito indefinido. Nunha situación dada, un factor mínimo pode ser decisivo. Así, a cara ou a cruz dun partido de fútbol. A elección dunha cea ou doutra un luns logo do traballo. Facer un recado ese mesmo día ou deixalo para o sábado. Escribir un poema un pano de papel ou nun caderno. Botar gasolina antes de saír de viaxe ou non o facer. A teoría do caos, vulgarizada sob o lema do «Efecto Bolboreta» vén a soster esta afirmación.  A Física formalizou o coñecemento sobre este tipo de fenómenos a partir dun erro de introdución de datos nas  investigacións sobre a tormenta perfecta de Edward Lorenz, o metereólogo teimudo…
Hai, ao parecer, unha explicación ao non recoñecemento de Bell. Certos estudos de psicoloxía social do século XX tentaron entender a importancia das situacións para dar significado a cada un dos seus elementos. Un exemplo claro é o da casa. Pensamos nunha casa típica: con porta, fiestras, tellado, ás veces unha cheminea, outras cunha árbore e o seu bambán, outras co coche de papá que nunca será nin un mini nin unha camioneta. O sol, radiante, preside as escena. Cada cousa ten  significado en relación coas outras. Bell era, neste caso, un tirado que tenta sacarse uns patacóns tocando como boamente pode e non un virtuoso mundial do violín poñendo a proba a sensibilidade musical dunha multitude.
O capacidade que ten unha situación determinada, típica, de condicionar e mesmo determinar as nosas reaccións é enorme. Un exemplo destas investigacións son os de Solomon Asch, un psicólogo norteamericano especializado na psicoloxía social. Durante os anos 50 do século XX realizou varios experimentos sobre a conformidade individual e a súa relación co grupo. O experimento Asch consistía en medir o grao de conformismo ou incorformismo dunha persoa fronte ao grupo. Afortundamente os comportamentos que tendían a asimilarse co grupo contra a lóxica e o sentido común, andaban máis ou menos polo terzo do total. Non obstante, outros experimentos bastante máis coñecidos, como o da cadea de Stanford, A terceira Onda, ou o de Sherif, indican todo contrario, demostrando o perigoso que pode chegar es terzo conformista, o nivel de manipulación que pode aturar e as consecuencias insospeitadas que un feito desencadeante pode chegar a ter.
É lamentábel non recoñecer unha peza de Bach interpretada nun Stradivarius no metro. Porén, non recoñecer detalles minúsculos que poden ter consecuencias enormes pode ser tráxico.

domingo, 19 de fevereiro de 2012

18

Misceláneo é o apelativo máis suave que se lle pode aplicar a este curioso volume colectivo. A proba forense da súa coralidade radica no seu título, 18, sumatorio de autoras e autores materiais. Porén, a cómplice necesaria permanece en certo anonimato, pero as súas pegadas están por todas partes, de principio a fin.
Esta banda internacional (?) non entende de fronteiras artificiais e estende as súas actuacións ás dúas beiras do Miño. Xa actuou actuado nos baixos fondos de Vigo e de Porto (ao parecer con cómplices metropolitanos). Os últimos informes apuntan que o seu próximo golpe será en Compostela. Un crime en Compostela.
Pola miña banda confeso que formo parte desta banda. Somos Iolanda Aldrei, José Manuel Barbosa Álvares, Iria Bragado, Simón Cabo Escribano, José Alberte Corral, Henrique Doria, Dara Escribano Lorenzo, Francisco X. Fernández Naval, Alexandre Insua Moreira, Enrique Leirachá Gutiérrez, Adriana Pérez, Virgilico Liquito, Cruz Martínez Vilas, Fernando Martinho Guimarães, Jaime Moreda Santamaría, Fernando Luís Pérez Poza, Fernando Rodríguez Carpizo, Alfonso Rodríguez Rodríguez e Rosanegra.
Teredes noticias nosas.
Proba de cargo núm. 1: Portada de 18

domingo, 15 de janeiro de 2012

domingo, 25 de dezembro de 2011

Texto 3

Lilith de Paulina Otylie Surys
Quizais chegue o día en que volvamos estar xuntos. Non o creo. Non será agora; téñome que ir lonxe, afastarme de vós e dos ambientes que frecuentabamos. Perdoade. Non é nada persoal nin vos podedes culpar pola miña decisión. Debo deixar esta cidade por non sei canto tempo. Durante este exilio voluntario sei que vos botarei en falla, ao igual que botarei en falla estas rúas de arquitectura dura, ríxida e tristurenta que nos acompañou até hoxe.
Coas chaves á man lembro que teño que encher o depósito. Aínda non sei onde vou. Só vos podo dicir que non me busquedes, nin vos tratedes de poñer en contacto comigo. Quizais de aquí a algún tempo sexa eu quen finalice o meu ostracismo autoinducido. Dubido. O futuro é como un val verde afogado por unha espesa brétema cincenza, da mesma cor cincenta que describe Paul Celan, lembrades?
Non pensedes que a miña fuxida se debe a L. É certo que, se nalgún tempos os consentín ou os propiciei, xa non aturaba os seus comportamentos psicóticos. Recoñézovos que en certa ocasión fun cómplice das súas obsesións e entrei no xogo das súas paranoias porque pensaba que facía puntos. Se cadra son algo responsábel do que lle aconteceu. Creo que non.
Adeus.

terça-feira, 20 de dezembro de 2011

Anuncio: Nacemento e morte do reino de Galiza.

 con

Anselmo López Carreira
historiador

Martes, 27 de decembro, 20 a 21.30 h
Casa Galega da Cultura
Praza da Princesa n.º 2 - Vigo
Entrada libre e gratuíta

Mercé a Asociación Cultural O Castro.


domingo, 11 de dezembro de 2011

Kepler 22 b


Representación artística de υ Andromedae b, algo semellante ao que buscamos

Mentres que o eclipse luar que houbo esta noite pasou desapercibido, a descuberta do planeta Kepler 22 b foi celebrada polos medios de comunicación xeneralistas, influídos pola idea de que, dadas as súas carácterísticas, vén a ser unha especie da nova Terra. En realidade, temos poucos datos sobre Kepler 22 b. Sabemos que a súa estrela é do mesmo tipo que o noso Sol, que o seu radio duplica, aproximadamente ao da Terra,  que a súa órbita ten 289 días, e que se atopa na zona habitábel do seu sistema. Máis nada.
A procura de planetas fóra ao sistema solar leva en marcha desde hai certo tempo. A misión Kepler leva en marcha desde 2009 e ten 16 planetas candidatos a albergar vida como a da terra. Porén, a procura de planetas extrasolares comezou antes e desde diferentes observatorios (estes proxectos están sometidos a unha grande presión derivada da competencia por atopar unha nova Terra). Gliese 581 d foi descuberto en 2007, e HD 85512 b en agosto.
Aínda que o número de sistemas con planetas é moi elevado, o que estamos a buscar é moi específico. Precisamos un planeta que estea na zona habitábel do seu sistema solar, nin moi preto nin moi afastado da súa estrela, para poder conter auga líquida na súa superficie. Ademais de orbitar ao redor da estrela, débeo facer ao redor dun eixo levemente inclinado, para poder termos estacións e días. Debe ser dun tamaño, dunha masa e dunha gravidade parecida á da terra. Debe contar cunha atmosfera semellante á nosa e, ademais, escasa actividade volcánica.
Isto é unha carreira contra o reloxo, porque o noso Sol é limitado. Se queremos sobrevivir como especie, temos que atopar un lugar a onde ir e construír un medio de transporte para ir aló. 
Só temos 5 000 000 000 de anos.

domingo, 4 de dezembro de 2011

Texto 2

La Roache Brothers Photography - Laurence Edney and Wolfgang Mustain

A túa ollada pérdese na miña xusta implacabilidade, que se torna en némese adecuada. Coñezo a túa intención. Teño a certeza de que vas deixan un rastro de queixas e lamentos finxidos e calculados como o deportista de elite que procura o 100 exacto e monolítico. Percibo que baixo esa custe tersa agochas unha colección de cicatrices provocadas pola envexa máis ruín. Véxoas. O teu rostro reflicte una alma e a min éntranme ganas de vomitar os fígados, a bile e o páncreas ennegrecido. Non te aturo. Aínda lembro o primeiro día que te vin, escuálido e con expresión espiñenta e malintencionada. 
Ostia!
Non te podo nin ver diante.

domingo, 27 de novembro de 2011

En mans de quen están?

Avanza a iniciativa Sermos Galiza mentres se presentan outros proxectos comunicativos galegos e en galego e, aínda que participo activamente da primeira, mercando accións, e difundido o que podo esta iniciativa, e saúdo os outros plans dos que se está a falar polo baixo, ou dos que veñen de aparecer, como Anfiteatrogzradio. Estou convencido de que cantos máis medios propias aparezan, mellor será para todos porque contribúen a crear un sistema comunicativo onde, ao igual que un ecosistema, poden xurdir máis e máis elementos e tamén proporcionan unha riqueza informativa (e económica) que tanto precisamos. De manifestárense diferenzas de opinión canto a matices ou apaixonadas polémicas con certa naturalidade. Como nunha charca, haberá de todo e supoño que no seu momento teremos un deportivo como A Bola. Como na ribeira dunha charca, cun pouco de sol e de auga, medrarán e se propagarán. Desgraciadamente, o problema non se acha nos futuros medios galegos en galego, senón dos actuais que non se editan en galego.
Por exemplo, o emprego da lingua galega por parte dos grandes medios impresos oscilaba en 2008, segundo datos oficiais, entre o 0% e o 7,5%. A día de hoxe non hai datos publicados, máis intúo que non serán mellores. A maior parte destes xornais reciben durante moitos anos fondos públicos vía subvencións ou convenios de colaboracións, para promover o galego, con escaso resultado ou, noutros casos, con efecto contrario, manipulando a realidade. A maior parte destes medios reciben fondos públicos da Xunta para outro tipo de finalidades, moitas veces con dubidosa xustificación, algunhas das cales deberían ser examinadas con lupa. A maior parte destes medios manteñen unha liña editorial semellante, que se caracteriza, en primeiro lugar, por un localismo a morte, en boa lóxica cos seus mercados que se cinguen, na inmensa maioría dos casos, ao ámbito local. En segundo lugar, os contidos destes medios deixan que desexar. Xa  non se trata de que traten as informacións desde un posición próxima á miña, senón que presentan carencias canto á técnica informativa contrastada, enchendo o espazos con textos máis próximos ao costumismo decimonónico que ao contraste informativo e desdebuxando a distinción entre información e opinión. Semellan máis folletíns do século XIX que mediadores críticos da información.
Faise necesaria unha análise pormenorizada do papel destes medios, de cómo actúan e cales son os efectos do seu traballo. Convén reflexionar sobre esta liña editorial, así como, e creo que é esencial, sobre a súa estrutura empresarial e máis concretamente sobre a estrutura da súa propiedade. Fóra de La Voz, cuxo dono é amplisimamente coñecido, penso que hai un absoluto descoñecemento arredor desta cuestión. Por exemplo, Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña pertencen, con sociedades intermedias, ao mesmo grupo: Editorial Prensa Ibérica. Do mesmo xeito, El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Bergantiños, Diario de Arousa pertencen directamente á mesma empresa Editorial La Capital S. L. Creo que sería un exercicio moi interesante xeneralizar esta labor a todos os medios.
Para rematar, apunto tres datos sobre estes medios: o uso de galego, a audiencia estimada e fondos recibidos por conta dun convenio de colaboración ao que habería que engadir as subvencións e outro tipo de ingresos. Na gráfica, orientativa, fíxome no o treito que considero máis interesante e que se  corresponde coa area inferior esquerda, onde se sitúan  maior parte dos medios. Pódese apreciar que forman un sistema de semellantes, o que me fai pensar que La Voz (tan vilipendiada) é unicamente a parte máis grande dun problema aínda moito maior.


Premendo na imaxe vese ampliada

Datos. A audiencia provén do EGM, agás no caso do Xornal de Galicia que é unha estimación miña. O % de galego provén dos datos do OLG agás o Xornal, El Correo Gallego/GH, os medios de La Capital, El Mundo e Atlántico Diario que son estimacións miñas (optimistas, hai datos máis negativos). Os cantidades económicas están tiradas da información oficial da Xunta.

Medios
Audiencia
% de galego
€ en convenios
La Voz de Galicia
600.000
4,1%
 657.880,28 €
Faro de Vigo
272.000
4,2%
 134.401,84 €
El Progreso de Lugo
90.000
8,6%
 332.956,96 €
Xornal de Galicia
85.500
23,0%
 8.063,00 €
El Correo Gallego/Galicia Hoxe
82.000
11,2%
 265.094,90 €
La Región de Ourense
81.000
4,4%
 283.540,28 €
El Ideal Gallego-Diario de Ferrol
Diario de Bergantiños-Diario de Arousa
64.000
6,0%
 17.986,36 €
El mundo
61.000
0,0%
 80.000,00 €
Diario de Pontevedra
45.000
4,0%
 84.529,33 €
La Opinión de A Coruña
43.000
4,6%
 72.279,92 €
Atlántico Diario
16.000
6,0%
 26.817,28 €