domingo, 4 de março de 2012

Inusitado

Neuronas en acción - xxnano1106xx
O seco son escoitouse desde a profunda escuridade. Recoñecino ao instante, tan característico, nese éter lúgubre, cálido e cincento. Pouco se pode engadir, pois as palabras enmudecen cando se miden co berro contido dun 9 mm. Déixome levar. Se teño xente diante, fágome o mouco, como se non escoitara nada. Disimulo e me sae ben. Ninguén sospeita do ocorrido.

Ao principio pensei na posibilidade dun accidente. Logo na opción dun suicidio. Tiña outra imaxe destes, mesmo cando se trataban de versións sofisticadas con armas semiautomáticas polo medio. Cría, na miña inocencia, que se traba dun acto de dignisima enteireza. Porén, decátome agora do errado que estaba. Trátase dun acto de covardía, ou de inutilidade extrema. Son, ademais, moi sucios. Tamén estaba equivocado sobre o autor do disparo. Corrixo, sobre a autora do disparo.

Quen podía sospeitar as consecuencias de que ela actuase así? As demais íano ter en conta. Con todo, cando Neurona Parva decidiu que había que visionar o vídeo, en directo, de «Baby» de Justin Bieber para ver quen era e de que ía, por curiosidade inxenua, calculou mal as implicacións. Unhas quedaron en estado de shock e outras tolearon de todo. Algunha deixou de vivir para sempre por mor do impacto do merengue tonal e da saturación melosa da voz dese individuo abxecto.

Confundín de plano os acontecementos. Ocorréuseme nun primeiro momento que Neurona Intelixente, a miña querida amiga, optara por deixara este mundo: subestimeina outra vez. O cálculo frío e as súas dotes de mando impresiónanme porque se puxeron en marcha de novo, esta vez por propia supervivencia. Agora xace inerte na escuridade cerebral máis absoluta. Neurona Mala, a que se ocupa dos meus máis escuros desexos e imaxina as máis inconfesábeis perversións, observa, coa arma ao cinto, os restos calados e de esguello vixía os lamentos de Boa, acubillada nunha esquina. Chora sen consolo. Intelixente finxe estupefacción, mais, de fitar nos seus trazos, acertaría co reflexo da satisfacción absoluta polo éxito da conxura. O resto, aliviadas e hipócritas, fan coma que non pasou nada.

Nenhum comentário:

Postar um comentário