Olaf Wipperfürth |
De neno, xogabamos cunha botella, mais non ten nada a ver co moderno botellón. Eramos, quizais máis inocentes, ou quizais máis salvaxes; e non hai moito tempo, só uns cantos anos. O cacharriño consiste, para que non o souber, nunha versión depurada do coñecido escondite. Colliamos unha botella de plástico duro, para que fose resistente e que non quebrase cos golpes. Este punto é crucial en extremo. Con coidado, énchese de pedras, xabre ou terra para que teña o peso adecuado para que voe cunha patada furtiva.
A mecánica do xogo é moi simple: temos unha botella voante, un espazo aberto, un grupo de nenos, un neno que vai apandar e outro que vai chimpar a botella o máis lonxe posíbel. No meu caso practicabamos esta distracción no Campo do Pauliño, un predio grande de abondo sen cultivar, con herbas longas e, ao fondo, silveiras e estrugas. O que apanda ten que ir buscar a botella, normalmente de lixivia, ao lugar onde caíse, mentres o restos buscabamos un acubillo. Logo de dar con ela debía volvela colocar na esquina correspondente e ir buscarnos. Se descubría a un, debía volver onde ao recuncho de berrar o seu nome tocando a botella. Que se agachaba tiña unha opción para se salvar: chegar antes que o pandote e darlle unha patada. Eventualmente, tamén se podía salvar se outro participante diferente chimpaba coa sufridora lonxe. A diversión podíase estender horas, mesmo días enteiros, apandando sempre o mesmo desgraciado.
Aínda que primitiva e infantil, practicabamos unha sorte de institucionalización da violencia porque no xogo non hai nada casual. Se apandaba un pequeno a botella non ía moi lonxe. Mais, ai de quen tivese unha conta pendente! A botella aterraba no medio das silveiras ou entre as ortigas con certeza. Unha ofensa ou insulto, unha débeda sen pagar, comportarse de forma indebida coas rapazas facían causa sobrada para un castigo reiterado, para prolongar un apande durante días. Porque neste mundo quen a fai, débea pagar, dunha forma ou doutra.
Desde os doce anos non volvín usar pantalóns curtos.
Nenhum comentário:
Postar um comentário