domingo, 27 de novembro de 2011

En mans de quen están?

Avanza a iniciativa Sermos Galiza mentres se presentan outros proxectos comunicativos galegos e en galego e, aínda que participo activamente da primeira, mercando accións, e difundido o que podo esta iniciativa, e saúdo os outros plans dos que se está a falar polo baixo, ou dos que veñen de aparecer, como Anfiteatrogzradio. Estou convencido de que cantos máis medios propias aparezan, mellor será para todos porque contribúen a crear un sistema comunicativo onde, ao igual que un ecosistema, poden xurdir máis e máis elementos e tamén proporcionan unha riqueza informativa (e económica) que tanto precisamos. De manifestárense diferenzas de opinión canto a matices ou apaixonadas polémicas con certa naturalidade. Como nunha charca, haberá de todo e supoño que no seu momento teremos un deportivo como A Bola. Como na ribeira dunha charca, cun pouco de sol e de auga, medrarán e se propagarán. Desgraciadamente, o problema non se acha nos futuros medios galegos en galego, senón dos actuais que non se editan en galego.
Por exemplo, o emprego da lingua galega por parte dos grandes medios impresos oscilaba en 2008, segundo datos oficiais, entre o 0% e o 7,5%. A día de hoxe non hai datos publicados, máis intúo que non serán mellores. A maior parte destes xornais reciben durante moitos anos fondos públicos vía subvencións ou convenios de colaboracións, para promover o galego, con escaso resultado ou, noutros casos, con efecto contrario, manipulando a realidade. A maior parte destes medios reciben fondos públicos da Xunta para outro tipo de finalidades, moitas veces con dubidosa xustificación, algunhas das cales deberían ser examinadas con lupa. A maior parte destes medios manteñen unha liña editorial semellante, que se caracteriza, en primeiro lugar, por un localismo a morte, en boa lóxica cos seus mercados que se cinguen, na inmensa maioría dos casos, ao ámbito local. En segundo lugar, os contidos destes medios deixan que desexar. Xa  non se trata de que traten as informacións desde un posición próxima á miña, senón que presentan carencias canto á técnica informativa contrastada, enchendo o espazos con textos máis próximos ao costumismo decimonónico que ao contraste informativo e desdebuxando a distinción entre información e opinión. Semellan máis folletíns do século XIX que mediadores críticos da información.
Faise necesaria unha análise pormenorizada do papel destes medios, de cómo actúan e cales son os efectos do seu traballo. Convén reflexionar sobre esta liña editorial, así como, e creo que é esencial, sobre a súa estrutura empresarial e máis concretamente sobre a estrutura da súa propiedade. Fóra de La Voz, cuxo dono é amplisimamente coñecido, penso que hai un absoluto descoñecemento arredor desta cuestión. Por exemplo, Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña pertencen, con sociedades intermedias, ao mesmo grupo: Editorial Prensa Ibérica. Do mesmo xeito, El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Bergantiños, Diario de Arousa pertencen directamente á mesma empresa Editorial La Capital S. L. Creo que sería un exercicio moi interesante xeneralizar esta labor a todos os medios.
Para rematar, apunto tres datos sobre estes medios: o uso de galego, a audiencia estimada e fondos recibidos por conta dun convenio de colaboración ao que habería que engadir as subvencións e outro tipo de ingresos. Na gráfica, orientativa, fíxome no o treito que considero máis interesante e que se  corresponde coa area inferior esquerda, onde se sitúan  maior parte dos medios. Pódese apreciar que forman un sistema de semellantes, o que me fai pensar que La Voz (tan vilipendiada) é unicamente a parte máis grande dun problema aínda moito maior.


Premendo na imaxe vese ampliada

Datos. A audiencia provén do EGM, agás no caso do Xornal de Galicia que é unha estimación miña. O % de galego provén dos datos do OLG agás o Xornal, El Correo Gallego/GH, os medios de La Capital, El Mundo e Atlántico Diario que son estimacións miñas (optimistas, hai datos máis negativos). Os cantidades económicas están tiradas da información oficial da Xunta.

Medios
Audiencia
% de galego
€ en convenios
La Voz de Galicia
600.000
4,1%
 657.880,28 €
Faro de Vigo
272.000
4,2%
 134.401,84 €
El Progreso de Lugo
90.000
8,6%
 332.956,96 €
Xornal de Galicia
85.500
23,0%
 8.063,00 €
El Correo Gallego/Galicia Hoxe
82.000
11,2%
 265.094,90 €
La Región de Ourense
81.000
4,4%
 283.540,28 €
El Ideal Gallego-Diario de Ferrol
Diario de Bergantiños-Diario de Arousa
64.000
6,0%
 17.986,36 €
El mundo
61.000
0,0%
 80.000,00 €
Diario de Pontevedra
45.000
4,0%
 84.529,33 €
La Opinión de A Coruña
43.000
4,6%
 72.279,92 €
Atlántico Diario
16.000
6,0%
 26.817,28 €

Nenhum comentário:

Postar um comentário