domingo, 3 de abril de 2011

Incertae sedis

Dunha serie fotográfica de Stanley Kubrick
Unha mañá espertou fitando unha ringleira de formigas que subía pola parede da cabeceira da cama. Foise espreguizando de vagar por non ser día de diario. Tivera unha noite intranquila. Custáralle quedar durmido e acordou media ducia de veces pola noite. Estaba medio desvelado cando decidiu prender a luz.
Alí estaban. Ían e viñan polo carreiro químico que remataba no teito. Buscou a orixe daquel destacamento e retrocedeu até zócolo da outra parede debaixo do gabinete, onde descubriu sorprendido que entraban en saían do interior da torre do computador. Retirou a tapa e achou, horrorizado, que todas as compoñentes estaban infestadas: a placa, a tarxeta, a memoria, as conexións. As formigas, acubilladas por ese calor eléctrico, traballaban arreo. Unhas, andaban a arrastrar os restos dunha araña pola base da caixa cara debaixo dos discos duros, onde haberían de ter o seu almacén. Outras coidaban dunhas larvas nunha das tarxetas. As máis, corricaban dun lugar a outro sen finalidade aparente.
Aplicou insecticida en abundancia e logo duchouse. Pasou a mañá amañando a habitación e a equipa informática. Fixo a cama e volveuna poñer no seu lugar. Limpou a computadora por dentro con moito coidado. Limpou o e varreu a habitación. Almorzou e marchou para acudir á cita. Cando volveu á noite adiviñou unha compañía de insectos que se paseaba, como se nada, polo teclado.

Nenhum comentário:

Postar um comentário