domingo, 10 de abril de 2011

De coexistencia e familiaridades

O Goberno galego acaba de enviarlle ao Parlamento o anteproxecto da Lei de apoio á familia e a convivencia. Andan, como xa se dixo, coa familia ás voltas. Do transfundo desta lei e das súas implicacións deu cumpridísima análise o Consello Económico e Social, nun ditame, en principio, simplemente técnico. Porén, diante dun texto tan cargado de ideoloxía, cun teor tan reaccianario,  o CES deixa en evidencia a súa estrutura ideolóxica nesgada cara posicións ultraliberais cunha análise xurídica. Ao cabo, a estrema dereita tomou o poder hai dous anos e nótase: o voto particular, unha loa do texto que pretende ser lexislativo asínao nada máis e nada menos que a Confederación de Empresarios de Galiza. 
Imaxe tomada do blogue Arume dos piñeiros
Non quero profundar neste sentido, mais si quero subliñar que non é a única iniciativa que incide nunha configuración idealista da sociedade, con iniciativas de intervención social non declarada. O desmantelamento progresivo do sistema de benestar que construíra o nacionalismo durante o goberno de coalición ou a promoción dunha rede de entidades antiabortistas son outras dúas mostras.
Outro dos ámbitos obxecto das súas políticas regresivas é o ensino, onde estamos no medio dun confronto entre dúas concepción ben distintas sobre o modelo que a sociedade debe potenciar e aplicar. Concretamente, se debemos pular por un modelo basicamente público, ao servizo da sociedade e un forte raizame galego (un ensino galego, científico e de cualidade) ou se temos de apostar por un modelo privatizado (delegar o ensino nunha rede de centros privados financiados con fondos públicos), orientado ao beneficio da empresa (fundamentalmente a Igrexa Católica) e condicionado e limitado pola política e a ideoloxía destes centros. A escasa oferta de emprego público responde a esta lóxica. Tamén o conflito da lingua, aínda que teña a ver con outras diferenzas de intereses.
Que teñen a ver a familia co ensino? Recentemente, o grupo parlamentar do PP introduciu no parlamento unha proposta de lei que paga a pena ler de vagar. Tamén foi rexeitada no seu momento por outro órgano de participación cidadá. Na exposición de motivos da proposta argúese a necesidade de regulamentas a convivencia nos centros de ensino nun sentido, tamén, ideoloxicamente marcado.
Ao longo do texto, hai unha transposición velada dos roles do modelo burgués de familia  ao ámbito de familia. Ese mesmo modelo que obxecto de apoio do texto lexislativo do que falei ao principio (aínda que na lei de familia se teñan en conta moitos tipos de familia, o modelo por excelencia é o de pai, nai e fillos).
O profesor, dotado de «autoridade» é un sucedáneo do PATER FAMILIAS que ten o poder de «impor as medidas precisas para previr a corrixir as condutas contrarias á convivencia», mentres que as familias, imaxe da NAI, deben ser corresponsábeis neste cometido. Do mesmo xeito que o PAI e a NAI disciplinan os FILLOS, os profesores e as familias deben disciplinar os alumnos. Deixando á marxe matices e precisións, este esquema é o básico que se acubilla en media ducia de páxinas. Este guión, e máis aplicado a centros privados, ponme medo.
Que será o seguinte? Os castigos corporais?

domingo, 3 de abril de 2011

Incertae sedis

Dunha serie fotográfica de Stanley Kubrick
Unha mañá espertou fitando unha ringleira de formigas que subía pola parede da cabeceira da cama. Foise espreguizando de vagar por non ser día de diario. Tivera unha noite intranquila. Custáralle quedar durmido e acordou media ducia de veces pola noite. Estaba medio desvelado cando decidiu prender a luz.
Alí estaban. Ían e viñan polo carreiro químico que remataba no teito. Buscou a orixe daquel destacamento e retrocedeu até zócolo da outra parede debaixo do gabinete, onde descubriu sorprendido que entraban en saían do interior da torre do computador. Retirou a tapa e achou, horrorizado, que todas as compoñentes estaban infestadas: a placa, a tarxeta, a memoria, as conexións. As formigas, acubilladas por ese calor eléctrico, traballaban arreo. Unhas, andaban a arrastrar os restos dunha araña pola base da caixa cara debaixo dos discos duros, onde haberían de ter o seu almacén. Outras coidaban dunhas larvas nunha das tarxetas. As máis, corricaban dun lugar a outro sen finalidade aparente.
Aplicou insecticida en abundancia e logo duchouse. Pasou a mañá amañando a habitación e a equipa informática. Fixo a cama e volveuna poñer no seu lugar. Limpou a computadora por dentro con moito coidado. Limpou o e varreu a habitación. Almorzou e marchou para acudir á cita. Cando volveu á noite adiviñou unha compañía de insectos que se paseaba, como se nada, polo teclado.